publicidade hoxe

Ourense acollerá un encontro sobre “A educación dende o compromiso co territorio. Achegamento á experiencia de Óbidos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O CIFP Portovello e a Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense organizan un encontro pedagóxico que, baixo o lema “A educación dende o compromiso co territorio. Achegamento á experiencia de Óbidos” reunirá a estudantes e profesionais do sector os días 30 e 31 de marzo no Edificio Politécnico do Campus de Ourense. A presentación deste evento cultural tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o director da área de Planificación do Campus de Ourense, José María Faílde; e o xefe do departamento dos servizos Socioculturais e á Comunidade do CIFP Portovello, Jesús Fortes.

A Deputación de Ourense colabora con estas xornadas formativas que toman como punto de partida “o convencemento da importancia que ten a relación da comunidade coa Escola”, asegurou Rosendo Fernández. Nese mesmo senso, explicou que esta proposta está “inspirada na pedagoxía construtivista e o humanismo da antropoloxía, propondo un marco de traballo baseado na formación permanente e o intercambio de experiencias”.

O vicepresidente do goberno provincial dixo que este proxecto entende “ás escolas do territorio cun amplo grao de autonomía e descentralización da administración educativa, que resulta un paso importante na recuperación da escola polas comunidades nas que se asentan”.

Jesús Fortes explicou que se trata dunha “experiencia senlleira que se está a vivir preto de aquí, en Portugal, onde se funde o territorio coa experiencia educativa”, e engadiu “a proposta inicial de Óbidos, que nós coñecemos desde hai catro anos, nace dunha colaboración con experiencias educativas senlleiras a nivel internacional, e a súa particularidade foi non copiar o que estaban a facer noutros lugares senón facer unha proposta inspirada nese bo facer pero, propia para o seu territorio”. Asemade o xefe do departamento dos servizos Socioculturais e á Comunidade do CIFP Portovello, asegurou que o proxecto, en constante evolución, “está comprometido coa terra e coas persoas que alí viven e contribúe a afincar a poboación”.

Pola súa parte, José María Faílde fixo fincapé en que estas xornadas inciden “sobre a importancia da educación e o compromiso dos pobos coa súa cultura e, por tanto, son elementos dinamizadores fundamentais para o seu empoderamento” e, por outra parte, estas xornadas destacan a importancia de “conexionar as institucións educadoras co territorio e co tecido social no que están inmersas como elementos catalizadores da cultura, do desenvolvemento e do benestar”.

O deputado provincial de Cultura incidiu na importancia de levar a cabo proxectos desta índole “que teñen en conta as experiencias que se levan a cabo noutros lugares pero que se adaptan á realidade do seu territorio”.

28 de marzo de 2017 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.