publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os sete primeiros proxectos de Ignicia reforzan o compromiso co emprendemento innovador

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Francisco Conde na presentación dos proxectos seleccionados para Ignicia. Foto: X. Crespo

Francisco Conde na presentación dos proxectos seleccionados para Ignicia. Foto: X. Crespo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado polo presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, asistiu esta mañá á presentación dos sete proxectos seleccionados do programa Ignicia, que ten como obxectivo facilitar o acceso ao mercado ás iniciativas impulsadas polos investigadores galegos reforzando, deste xeito, o compromiso da Xunta co emprendemento innovador.

Tal e como explicou Conde, na primeira fase deste fondo de proba de concepto baseado no éxito da metodoloxía levada a cabo pola Fundación Barrié, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), prevé que estes sete proxectos “vinculen uns 50 empregos cun investimento de 2 millóns de euros”. Reafírmase, deste xeito, o compromiso da Xunta xerando novas empresas e patentes e creando emprego cualificado.

Entre as iniciativas que se impulsan encóntranse tres que promove a Universidade de Santiago (Matprint, relacionada coa impresión 3D de implantes biocerámicos e catalizadores químicos; Oncometa e Reprosteatosis, ambas para desenvolver novos fármacos); outras tres a través da Universidade de Vigo (Biofast, para a obtención dun biomaterial para rexeneración ósea a partir de dente de tiburón; Ubismart, vinculado coas aplicacións móbiles; e XHS Platform, con nanosatélites e provisión de servizos comerciais); e unha sétima a través de Gradiant (Face Idn, para a verificación biométrica online).

O conselleiro sinalou que por primeira vez en Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), recúrrese a un evaluador externo internacional: “Neste caso contamos coa colaboración da Universidade de Oxford para avaliar os proxectos. Cos que pasaron a primeira fase temos que traballar, a través do asesoramento e a mentorización, para que poidan transferir as súas ideas ao mercado”. Estas sete iniciativas, que permitirán alcanzar os retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), contribuirán ao desenvolvemento económico e social de Galicia, facilitando a rendibilización económica e social do investimento público en I+D, así como á mellora da competividade das empresas galegas, o fomento das capacidades dos organismos de investigación de Galicia e a atracción de investimentos públicos e privados a Galicia. Dentro do compromiso da Xunta cos investigadores galegos, o Ignicia tamén favorece o emprendemento innovador, xa que a maioría das propostas seleccionadas propoñen a creación de spin-offs como vía de comercialización.

A intensidade da axuda que recibirá cada proxecto, que será fixada de xeito individual polo Comité de Investimentos, financiará os gastos precisos para desenvolver as aplicacións comerciais dos proxectos: estudos de mercado, validación técnica, análise de oportunidades comerciais e de negocio, ou formulación de propostas a empresas ou investidores que poidan contribuír ao avance na fase de comercialización. Deste xeito, garántese a transferencia ao mercado do coñecemento xerado polos investigadores galegos nos centros de coñecemento e que se atopan nun estado de madurez tecnolóxica que xa superou a fase de investigación. Ademais, a Xunta comparte o risco de cada iniciativa, pero ao mesmo tempo garante a súa participación nos posibles beneficios.

Metodoloxía de traballo

O Ignicia segue a metodoloxía dos fondos de proba de concepto, que son métodos que permiten verificar se unha idea é susceptible de ter éxito. No desenvolvemento de novos produtos innovadores, utilízanse para comprobar se os resultados de proxectos científico-tecnolóxicos teñen opcións reais de ser implementados a nivel industrial para xerar rendibilidade no mercado. Deste xeito, permiten diminuír os riscos asociados á incerteza sobre o funcionamento dun produto ou servizo novo.

Este programa nace en Galicia por dúas razóns. En primeiro lugar, pola existencia acreditada dun gran número de proxectos liderados por investigadores galegos con potencial de comercialización e, en segundo, polo éxito da Fundación Barrié co seu propio fondo de proba de concepto, o Fondo de Ciencia.

“Este proxecto é posible grazas á colaboración e traballlo conxunto da Fundación Barrié e da Xunta”, salientou Conde e engadiu: “Se hai unha institución que en Galicia traballa pola ciencia, a innovación e por captar e reter talento é ela, e eses son os obxectivos deste programa”. Neste sentido, e coa vocación de poñer a disposición doutras institucións o coñecemento xerado, a Fundación Barrié cedeu a metodoloxía do seu Fondo de Ciencia á Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia quen aproveitou esta oportunidade para a posta en marcha de Ignicia. En concreto, trátase da experiencia do seu Fondo de Ciencia, que naceu no 2011 baseado no Oxford University Innovation, referente a nivel mundial no ámbito da transferencia de tecnoloxía e que, entre os seus resultados máis destacables, está a creación de dúas spin-offs e dous proxectos en proceso de comercialización.

A Barrié tamén participou na avaliación dos proxectos presentados e organizou accións de formación dirixidas ao persoal da Axencia Galega de Innovación e aos demais axentes do Sistema Galego de Innovación susceptibles de beneficiarse do fondo. Ademais, os 25 proxectos que obtiveron máis puntuación recibiron un informe con datos e recomendacións sobre o estado de madurez tecnolóxica da súa proposta, para o que se contou coa colaboración de expertos de Oxford University Innovation.

Vías de participación

A primeira convocatoria do Ignicia manterase ata finais de 2018 pero a previsión da Xunta é prolongar as iniciativas deste programa ata 2020, polo que o orzamento final se elevará ata os 7 millóns de euros, apoiando uns 30 proxectos.

Para participar no programa Ignicia existen dúas vías. Por unha banda, en principio, calquera proxecto pode optar ao financiamento directo, xa que se trata dunha convocatoria que está aberta de xeito continuo ata 2018. Estas propostas son avaliadas directamente polo Comité de Investimentos. Por outra banda, os sete proxectos presentados hoxe contaron, previamente, cunha fase de maduración antes de optar á fase de investimento.

O Ignicia completa outras iniciativas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que buscan reforzar a transferencia de coñecemento, como as Unidades Mixtas de Investigación, que mobiliza 84 millóns en 24 iniciativas tras as tres primeiras convocatorias e que prevé a creación de máis de 360 empregos cualificados en sectores estratéxicos para Galicia; o programa Principia, polo que se concederon axudas para preto de 140 mozos e mozas investigadores en 57 empresas e organismos de investigación galegos; ou a rede de aceleradoras na que a Xunta leva investidos 12 millóns nos últimos catro anos e coa que ten apoiado máis de 500 proxectos relacionados co emprendemento innovador.

13 de marzo de 2017 | 18:02 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario