publicidade hoxe

Os polígonos industriais de Padrón e Oroso xa contan con acceso a internet co Plan de Banda Larga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrosoPadrón
A-
A+

Os polígonos industriais de A Picusa (Padrón) e Sigüeiro-Oroso pequeno (Oroso) xa teñen acceso a redes ultrarrápidas de ata 350Mbps. Son dúas das 17 superficies empresariais que xa se beneficiaron do Plan de Banda Larga 2020, que está a impulsar a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

A primeira actuación do Plan, cuxo adxudicatario foi o operador R, ten como obxectivo despregar redes ultrarrápidas en 81 polígonos industriais que non contan con cobertura nin previsión de dispoñer deste servizo.

350Mbps e servizos avanzados

Estes recintos de Padrón e Oroso son dous dos 17 polígonos nos que xa se completaron os despregamentos e cuxas empresas poden contratar xa servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.

Ademais, o operador ofrece servizos de valor engadido en promoción para as empresas, coma a videoconferencia dende a nube ou os servizos da industria 4.0, orientados á eficiencia enerxética, servidores virtuais, analítica de datos ou control de intrusións nas edificacións, entre outros. E todo isto, grazas ás vantaxes das redes FTTH (Metro, RFoG, GPON…), que levan a fibra óptica ata a propia empresa.

Prazos e orzamento

En 2016 completouse o despregamento en 17 polígonos. En 2017 cubriranse outros 30 e en 2018 os 34 restantes. Deste xeito, no ano 2018, un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. O resto cubriranse nas seguintes actuacións previstas no Plan.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que xerarán un investimento total de de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Axudas para empresas das zonas máis illadas
Para aquelas empresas que están fóra dos recintos industrias e en zonsa illadas a Amtega vén de poñer en marcha unha nova medida do Plan de Banda Larga, unha convocatoria cun orzamento de 500.000 euros en 2017, que se poderá ampliar ata un máximo de 1 millón de euros en 2018, en función da demanda. Estas axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000€ por beneficiario. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000€.

Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Prazos e características da convocatoria

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes no prazo máximo dun mes dende o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG.

Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano.

Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo inversor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.

Plan de Banda Larga de Galicia 2020

O Plan de Banda Larga de Galicia 2020, aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.

Para a consecución das metas fixadas o Plan establece un conxunto de medidas que se levarán a cabo ata 2020.

o Extensión de redes de 100Mbps ata acadar case 1,7 millóns de habitantes (o 60% da poboación de Galicia) e o 55% dos polígonos con cobertura de redes de nova xeración. O obxectivo previsto para os polígonos supérase amplamente coa resolución da convocatoria de axudas aprobada hoxe.

o Extensión de redes de 30Mbps ata acadar case 2,66 millóns de habitantes (o 96 % da poboación) e o 100% dos polígonos con cobertura de 30Mbps.

o Universalización da banda larga de 30Mbps mediante a posta en marcha de subvencións para a contratación de banda larga vía satélite naquelas zonas máis illadas ás que non cheguen as redes (obxectivo do 4% da poboación restante).

10 de marzo de 2017 | 11:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.