publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os obradoiros de emprego ‘Santa Águeda’ e ‘Montealegre’ deron un posto de traballo a 45 persoas formadas en xardinería e albanelería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PeroxaAmoeiroColesLocal PortadaOurenseOurenseVilamarín
A-
A+
Marisol Díaz Mouteira na clausura dos obradoiros

Marisol Díaz Mouteira na clausura dos obradoiros

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe na clausura e entrega de diplomas dos obradoiros de emprego Santa Águeda, que promoveu a Mancomunidade que leva o mesmo nome e que está formada polos concellos de Amoeiro, A Peroxa, Coles e Vilamarín, e Montealegre, promovido polo concello da capital ourensá. Nos actos, Díaz Mouteira puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes. Neste caso, o alumnado participante terá a partir de agora máis oportunidades para atopar un emprego como albanel e xardineiro.

Na visita tamén estiveron presentes os alcaldes e representantes dos municipios que promoveron estes dous obradoiros.

A máxima representante da Xunta en Ourense salientou que “apostar pola formación e a aprendizaxe é apostar pola creación de empregos estables e de calidade”, e neste senso indicou que unha das prioridades do Goberno galego é mellorar a cualificación dos traballadores e traballadoras, ofrecéndolles unha formación vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade con validez nacional, como é o caso dos obradoiros. No caso concreto do obradoiro Montealegre, dirixido a persoas desempregadas menores de 30 anos e dentro do Programa de Garantía Xuvenil, Díaz Mouteira animou ao alumnado a seguir preparándose para afrontar con formación e capacidade o seu futuro laboral.

Actuacións

O alumnado de Santa Águeda durante os seis meses que durou esta iniciativa laboral, logo da súa etapa inicial de formación, puxo en práctica os coñecementos adquiridos. Así, no concello de Amoeiro acondicionaron o centro social e construíron unha nova caseta dos socorristas da piscina; na Peroxa executaron o acondicionamento da antiga escola unitaria de Vilarrubín para destinala a vivenda social e do espazo público de Vilamaior, ao tempo que repararon un muro de mampostería no lugar de Caspicón; canto ao municipio de Coles, os alumnos e alumnas dedicáronse a reformar o interior da antiga casa consistorial de Vilarchao, executaron melloras no centro social de Cambeo, no interior do polideportivo e do centro social de Gustei, ademais de acondicionar a zona de xogos infantís ao carón da escola da rede autonómica “galiña Azul”, a praza situada diante da igrexa de Gustei e o paseo de Barra de Miño ao seu paso polo lugar da Estación; e, por último, no concello de Vilamarín as actuacións centráronse no acondicionamento de tres edificacións para destinalas a vivenda social: a casa cuartel no lugar de Tamallancos e as escolas unitarias de Pazo do Monte e A Raña.

Este obradoiro contou cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de preto de 180.000 euros.

Obradoiro para menores de 30 anos

Pola súa parte, o obradoiro Montealegre celebrado ao abeiro do programa de Garantía Xuvenil, recibiu unha subvención do departamento autonómico dirixido por Francisco Conde superior aos 131.000 euros.

Os seus alumnos e alumnas centraron a súa intervención no Parque Botánico de Montealgre, na cidade de Ourense, cos obxectivos de revalorización do patrimonio natural e paisaxístico autóctono da zona. Deste xeito, arranxaron e crearon novos camiños de xabre, construíron unha caseta de servizos para persoal de mantemento do parque, plantaron diversas especies e instalaron mobiliario como papeleiras, bancos, fontes bebederiras, mesas de madeira ou paneis informativos.

A delegada territorial lembrou que este curso desenvolvéronse 20 obradoiros de emprego na provincia de Ourense, dous deles na cidade das Burgas, que beneficiaron a preto de 400 persoas en situación de desemprego dun total de 75 concellos.

Nova convocatoria

Marisol Díaz aproveitou a clausura para destacar o “compromiso claro de colaboración institucional da Xunta cos concellos para traballar na creación de postos de traballo no futuro”. Os obradoiros de emprego, aos que se destinan 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que a convocatoria pasada, teñen por obxecto mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral ou social que lles posibilite a realización dun traballo.

Ao igual que o pasado ano, inclúense obradoiros de emprego específicos para os menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil. O impulso do emprego xuvenil é unha prioridade para o Goberno galego e, por iso, a mocidade sigue sendo un colectivo prioritario para a Xunta. Primarase na vindeira convocatoria a aquelas persoas mozas que non recibiran atención anteriormente no Programa de Garantía Xuvenil.

Este ano inclúense diversas novidades como é que a partir de agora se valorará a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción. Ademais, ampliarase a duración ata os nove meses, os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación, primaranse os proxectos relacionados coa Industria 4.0 e os sectores estratéxicos e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen. O Goberno galego prevé con esta convocatoria beneficiar a 1.600 persoas.

29 de marzo de 2017 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.