publicidade hoxe

Os mozos en paro que participan no curso de hostalería do LUGOWORK percorren Lugo para analizar o turismo da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoLugo
A-
A+

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, mantivo este xoves no Museo Provincial de Lugo un encontro cos 16 mozos lucenses no paro, que realizan o Curso de cociña e servizo de restauración na Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo. É unha das 4 accións formativas que puxo en marcha o Goberno da Deputación co LUGOWORK, o plan de emprego xuvenil na provincia, dotado de 2 millóns de euros, que captou da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial.

García Porto subliñou que “dende o Goberno da Deputación temos en marcha 4 cursos formativos para os mozos lucenses que se atopan sen traballo, co obxectivo de que sexan contratados en empresas da provincia. É un pracer ver o interese que teñen os rapaces en aprender e mellorar as súas competencias turísticas para desenvolver ben o seu oficio, e que no futuro, poidan ter un traballo estable no sector hostaleiro que redunda na economía da provincia.”

Durante a xornada os alumnos visitaron o Museo Provincial, a Muralla romana, a Domus do Mitreo, a Catedral de Santa María, e percorreron o casco histórico como exercicio práctico para adquirir habilidades relacionadas co sector da restauración e ao mesmo tempo poder indicar a futuros clientes monumentos, edificios e zonas turísticas da cidade que poden visitar.

Este curso conta cun total de 330 horas de formación que se distribúen en 8 semanas, en horario de 09:00 a 14:00 horas. Os obxectivos desta acción formativa están encamiñados a desenvolver todo tipo de servizos relacionados co ámbito alimenticio e a restauración. Ademais recibirán un curso básico de inglés para poder desenvolverse no seu traballo con clientes internacionais.

Accións formativas iniciadas

Ademais do “Curso de cociña e restauración” hai outras 3 accións formativas do LUGOWORK que xa están en marcha:

– Curso de auxiliar de ventas online e offline e atención ao público (Lugo): Son 15 alumnos que reciben un total de 250 horas de formación que se distribúen en 8 semanas en horario de 09:00 a 14:00 horas. Os contidos que se inclúen neste obradoiro de emprego son os dirixidos a habilidades sociais e de comunicación, ofimática e técnicas administrativas básicas e coñecementos sobre ventas online e offline.

– Curso de utilización eficiente e uso de maquinaria para o aproveitamento forestal (Viveiro): son 12 alumnos que reciben un total de 235 horas de aprendizaxe distribuídas en 8 semanas en horario de 16:00 a 21:00 horas. As actividades que se inclúen son as de realizar operacións necesarias para o aproveitamento dos produtos forestais, manexo de equipos, máquinas e ferramentas en condicións de seguridade sempre respectando a normativa medioambiental e de prevención de riscos laborais.

– Curso de auxiliar de xestión informática e Internet para PEMES (Lugo): son 16 alumnos que reciben unha formación de 200 horas distribuídas en 8 semanas de aprendizaxe en horario de 09:00 a 14:00 horas. Este curso pretende formar traballadores que poidan abarcar un amplo abanico de tarefas relacionadas coas TIC nunha PEME. Entre as actividades a desenvolver inclúense as de mantemento básico dunha rede informática, da imaxe corporativa en Internet, das relacións en redes sociais da empresa colaborando co resto de persoal ou a xestión de datos da mesma.

Formación e logo emprego

Cómpre subliñar que as accións formativas se axustan ás necesidades das empresas da provincia, pois o Executivo Provincial mantivo 11 encontros participativos con representantes dos principais sectores produtivos lucenses e contactos con preto de 600 entidades lucenses, que lle trasladaron os perfís laborais que requiren para ser máis competitivos. É por iso que os contidos destes programas formativos foron deseñados en base as necesidades das empresas do sector.

Tras esta fase, os participantes que rematen con éxito a formación terán a posibilidade de ser contratados durante 6 meses en empresas da provincia, que serán seleccionados nun proceso público, pois o Goberno da Deputación financiará os custos laborais dos novos traballadores con axudas de 5.000 euros.

Máis cursos e axudas no 2017

Durante este ano 2017, o Goberno da Deputación ofrecerá máis cursos con posibilidade de contratos, ao tempo que arrancará a liña do LUGOWORK que inclúe formación e axudas de 3.000 euros para que mozos lucenses no paro poñan en marcha os seus propios establecementos, favorecendo o emprendemento.

9 de marzo de 2017 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.