publicidade hoxe

Os GES prepáranse para encarar a nova campaña de prevención e loita contra o lume

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+
Reunión dos representantes dos GES da provincia da Coruña

Reunión dos representantes dos GES da provincia da Coruña

Representantes dos sete Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) da provincia da Coruña participaron hoxe nun encontro celebrado na sede administrativa da Xunta de Galicia na Coruña, na que exerceu como anfitrión o delegado territorial, Ovidio Rodeiro. Ás portas dunha nova campaña estival, a reunión de seguimento do convenio de colaboración entre a Xunta e a Federación Española de Municipios es Provincias (Fegamp) serviu para tratar diversos aspectos do convenio relacionados coa prevención e defensa contra incendios forestais.

O devandito convenio de colaboración asinouse no 2016 e ten unha vixencia de tres anos, ata o 2018. Neste 2017 desenvolvese a segunda anualidade. Na reunión participaron representantes das sete cabeceiras dos GES na provincia: Brión, Curtis, Mugardos, Muros, Padrón, Ortigueira e Ponteceso. Tamén estiveron presentes o xefe do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios forestais e os xefes dos Distritos Forestais da provincia.

Os GES realizan funcións de emerxencias, como a intervención en incendios forestais e urbanos ou a realización de traballos forestais preventivos. Tamén actúan en situacións derivadas do desencadeamento de riscos naturais, como nevadas, inundacións, seca ou episodios meteorolóxicos adversos; no mantemento da rede de estradas e vías de comunicación ou participando en operativos de protección civil que se planifiquen en casos de actividades nas que se rexistran aglomeracións significativas de persoas; entre outras funcións.

Ovidio Rodeiro animou aos asistentes á xuntanza a “traballar arreo, pero sempre tratando de sacar todo o partido posible dos recursos” cons que contan os profesionais das emerxencias. O delegado territorial incidiu na importancia desta labor “na prevención e loita contra os incendios forestais, un campo no que precisamos da implicación de toda a sociedade civil”.

30 de marzo de 2017 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.