publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O titular da Xunta incide en que o financiamento do sistema de benestar recolla o custo real dos servizos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
O presidente da Xunta no acto de adhesión de Cantabria á Resoe

O presidente da Xunta no acto de adhesión de Cantabria á Resoe

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, incidiu hoxe na necesidade de que o financiamento do sistema de benestar recolla o custo real dos servizos públicos, para que todas as persoas poidan acceder a eles en condicións de igualdade, independentemente da súa idade e do lugar no que residan.

Deste xeito, e durante o acto de adhesión de Cantabria á Macrorrexión de Rexións do Suroeste de Europa, Feijóo referiuse ao envellecemento da poboación como a maior ameaza á que deben facer fronte os territorios para manter o seu modelo de benestar. Un problema cuxa solución, aseverou, nin é inmediata nin será total, “xa que o envellecemento da poboación veu para quedarse e debe ser tido en conta como un trazo singular das sociedades que, como as nosas, o padecen”.

Logo de agradecer a crecente sensibilidade que arredor deste asunto mostrou a última Conferencia de Presidentes, o titular da Xunta animou á Macrorrexión de Rexións do Suroeste de Europa (Resoe) a seguir apostando por atraer e reter talento, “talento mozo que, ademais de favorecer o crecemento da nosa economía, resulta fundamental para afrontar o grande reto para os próximos anos: o declive demográfico”.

Logo de lembrar que, sete anos despois do seu nacemento, esta macrorrexión ocupa xa un terzo da península ibérica e representa preto do 23% da súa poboación e da súa actividade económica, Feijóo salientou que coa incorporación de Cantabria á Resoe consolídase como un instrumento útil e aberto a novas achegas. Útil, porque permitiu sumar forzas en ámbitos tan diversos como o transporte, a competitividade industrial, a educación, o turismo ou o medio ambiente. E aberto, porque resulta compatible con outras formas de cooperación transfronteiriza, como son o Espazo Atlántico ou a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Nesta liña, avogou por seguir traballando con máis ambición nos proxectos a materializar, contando para iso cos cinco grupos de traballo en cinco áreas prioritarias: competitividade industrial, innovación, turismo e emprego, transporte e demografía. “A Resoe só será eficaz na medida en que sexa capaz de incorporar estes proxectos á sociedade civil a través de procesos que nazan nas universidades, nas asociacións, nas empresas… e a macrorrexión saiba trasladar ás institucións europeas para xerar o retorno desexado”, abundou.

Novos retos e logros

Sobre este punto, salientou algún dos logros dos últimos anos, como a promoción conxunta dos camiños de Santiago ou a elaboración da primeira RIS3 transfronteiriza de Europa, deseñada polas tres universidades galegas e outras tantas do Norte de Portugal. E referiuse tamén a retos inmediatos, como o apoio á Conferencia de reitores para seguir estendendo programas de éxito como o Iacobus, que favorece a mobilidade de persoas e ideas e encara a súa cuarta edición.

O titular da Xunta concluíu facendo fincapé en que espazos de cooperación como este poñen de manifesto que as disputas entre territorios non teñen cabida nun espazo multinivel como a UE; que se pode defender o corredor atlántico como un eixo loxístico fundamental para unha área de doce millóns de persoas, sen que iso sexa contraditorio coa defensa do corredor mediterráneo; e que se pode defender o dereito dos cidadáns do noroeste de España a ter alta velocidade sen negarllo a calquera outros.

14 de marzo de 2017 | 18:39 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario