publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O proxecto “SmartPeme” chega a Mondariz para mellorar a competitividade do tecido empresarial, emprendedor e autónomo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondarizPontevedra
A-
A+

O Deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, asistiu á presentación do proxecto “SmartPeme” entre o tecido empresarial do concello de Mondariz e das comarcas do Condado e da Paradanta co obxectivo de pór énfase en como a implantación de novas formulacións en materia de estratexia dixital poden axudar a impulsar os seus negocios. A xornada tivo lugar na Biblioteca de Mondariz e tamén contou coa asistencia do seu alcalde, Xoán Carlos Bugarín.

O proxecto “SmartPeme” é un novo modelo de servizo orientado á potenciación do desenvolvemento económico da provincia de Pontevedra, que busca a mellora competitiva das pemes e persoas emprendedoras e autónomas e melloría nas vendas, na eficacia e eficiencia das súas tarefas, a través do mellor aproveitamento das tecnoloxías da información e da comunicación, as coñecidas como TIC, das novas tecnoloxías (como as redes sociais) e do comercio electrónico. Dende a súa creación e a súa transformación, “SmartPeme” abriuse a novos campos de actuación e alcanzou novos grupos de interese como son os e as emprendedoras, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.

O deputado provincial Javier Dios asegurou que “SmartPeme é unha rede de asesores e asesoras cualificadas nas TIC, que se poñen á disposición do noso tecido empresarial para prestar servizos de información e asesoramento presencial e personalizado de maneira totalmente gratuíta”. Javier Dios lembrou que “SmartPeme está pensado como un servizo que engloba a todos os axentes implicados no emprego porque é algo que nos atangue a todos e a todas as que estamos unidos e unidas cun firme compromiso: garantir o benestar da nosa cidadanía”.

O deputado lembrou que “este programa está pensado para lle dar aos concellos o protagonismo que merecen ter” ao ser quen mellor coñecen a realidade empresarial dos seus territorios e, polo tanto, quen poden ofertar un servizo máis adaptado segundo os sectores máis presentes nos tecidos empresariais desas vilas. Deste xeito pódese, sinalou o Deputado provincial, “traballar xuntos pola prosperidade e a modernización da nosa provincia”.

Javier Dios, ademais, lembrou que todas as persoas asistentes terán a posibilidade, hoxe mesmo, de recibir un asesoramento personalizado do persoal técnico do proxecto “SmartPeme” da institución provincial, tamén na Biblioteca da vila. A incorporación dunha estratexia personalizada para cada caso individual, ademais da especialización de cada unha das oficinas segundo os sectores máis implantados no tecido empresarial de cada territorio, son precisamente unhas das vantaxes do novo proxecto. Malia isto último, os asesores e asesoras de “SmartPeme” tamén ofrecen este servizo a todas as persoas que acudan a outra das oficinas nas que esa área concreta non sexa a súa especialidade, establecendo polo tanto un servizo centralizado e en constante contacto entre os diversos puntos e oficinas da rede.

Nas oficinas de “SmartPeme” (a de referencia das comarcas do Condado e A Paradanta atópase en Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local) estanse pondo en obradoiros temáticos adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking, a colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, a especialización sectorial en función das necesidades das áreas de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a persoas emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pequenas e medianas empresas e carteiras de servizos de asesoramento.

30 de marzo de 2017 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.