publicidade hoxe

O programa de promoción do galego no Bierzo e en Sanabria ampliará en setembro os seus centros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e en Sanabria ampliará o vindeiro curso académico 2017/18 os seus centros adscritos coa incorporación a este proxecto do CRA leonés Cubillos del Sil, que se sumará aos 18 centros de ensino primario e secundario e mais á escola oficial de idiomas. O programa posto en marcha pola Xunta de Galicia e pola Junta de Castela e León chega aos quince anos en activo como medida de promoción do uso e do ensino da lingua propia de Galicia nestes territorios galegofalantes do exterior.

“Este proxecto educativo, cultural e lingüístico de promoción do uso da lingua galega enriquece e fai máis plural o noso entorno, ao tempo que reforza os vencellos históricos existentes entre Galicia e Castela e León e materializa o noso compromiso co ensino e a aprendizaxe do galego estremeiro”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ao inaugurar hoxe á mañá as IX Xornadas Martín Sarmiento que organiza a Comisión Cultural Martín Sarmiento en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación e que congregaron un ano máis en Vilafranca do Bierzo os preto de mil escolares que seguen estudos de lingua e cultura galegas nos territorios limítrofes das provincias de León e de Zamora coa comunidade autónoma galega. García Gómez reiteroulle á Junta de Castela e León “o agradecemento pola estreita colaboración institucional na consolidación deste proxecto tan comprometido coa diversidade cultural e lingüística”, ao profesorado “a entrega á tarefa educativa de ensino da lingua e cultura galegas” e aos pais e nais do alumnado “o seu convencemento da contribución desta aprendizaxe á educación dos seus fillos”.

Participaron tamén o alcalde de Vilafranca do Bierzo, José Manuel Pereira; o coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento, Héctor M. Silveiro; o presidente do Consello Comarcal do Bierzo, Gerardo A. Caurel; e o director xeral de Recursos Humanos da Consejería de Educación; Jesús Hurtado.

IX Xornadas Martín Sarmiento. Antonio Fernández Morales e o galego no Bierzo

As IX Xornadas Martín Sarmiento centráronse na súa IX edición no bicentenario do cantor do Bierzo en galego, Antonio Fernández Morales, coa reivindicación da lingua na que escribiu, o galego, coincidindo co 15º aniversario da posta en marcha do Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e en Sanabria. Abríronse hoxe á mañá no Teatro Vilafranquino cunha primeira sesión de intercambio escolar de dramatización de textos e de presentación dunha exposición didáctica na que participaron os catro centros de ensino secundario e mais a escola oficial de idiomas.

A segunda sesión de intercambio escolar destinada aos trece centros de ensino primario contou coa actividade de dinamización lingüística ‘Cantarolas pra xente miúda’, a cargo de Senén Vaamonde e o grupo A Roda. Xa pola tarde, o Teatro Vilafranquino acollerá, ás 16:30 horas, a mesa de debate “As arelas de Sarmiento” e a mesa de traballo “Seguimento do catálogo de propostas de planificación e dinamización: novos espazos para o galego no Bierzo”. A xornada contou tamén coa colaboración da asociación cultural As Médulas.

Impulsar o coñecemento da lingua nas comunidades estremeiras

Grazas á colaboración iniciada no ano 2001 entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León, ampliada coa sinatura do Protocolo xeral de colaboración entre os dous gobernos en 2006, actualmente estudan materias de ou en galego preto dun milleiro de alumnos e alumnas no ensino primario ou medio en centros de León e de Zamora.

Para alén das aulas, o alumnado ten a oportunidade de afianzar os seus estudos de galego con actividades complementarias que inclúen visitas de estudos a Galicia apoiadas pola Consellería de Cultura e Educación, como a xa programada para este curso 2016/17 e que fará posible que máis de 150 estudantes coñezan de primeira man moitos dos enclaves de interese patrimonial e lingüístico da nosa comunidade autónoma durante o derradeiro trimestre escolar e acompañados polo seu profesorado.

Preto dun milleiro de alumnos e alumnas de galego

O alumnado que segue o programa distribúese, no caso dos centros de infantil e primaria, en León, CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos, CEIP San Ildefonso de Camponaraya, CRA de Carucedo, CRA Jimena Muñiz de Corullón, CEIP Compostilla de Ponferrada, CEIP Jesús Maestro de Ponferrada, CEIP Virgen del Carmen-La Placa de Ponferrada, CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada, CRA del Puente de Domingo Flórez, CEIP Mª Luisa Ucieda de Toral de los Vados, CEIP de Toral de Merayo e CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca; e, en Zamora, CEIP Tuela-Bibey de Lubián.

Canto aos IES adscritos ao programa, estes son o Bergidum Flavium de Cacabelos, o Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo e os ponferradinos Europa e Virgen de la Encina. Na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada estudan galego no ano académico en curso máis de medio cento de alumnos e alumnas.

14 de marzo de 2017 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.