publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O presidente da Xunta avanza a aprobación dun plan de formación de emprego no naval

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Feijóo no III Encontro de directivos: 100 consellos para 2017

Feijóo no III Encontro de directivos: 100 consellos para 2017

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación no Consello de mañá dun Plan de formación de emprego no naval que destinará 12 millóns de euros para axudar a que os traballadores desta industria –en activo ou desempregados- poidan especializarse de acordo aos requisitos que demanda o mercado do sector.

Durante a inauguración do III Encontro de directivos: 100 consellos para 2017, Feijóo afirmou que o Goberno galego seguirá comprometido coa formación como elemento clave para acadar unha industria máis competitiva, procurando a colaboración dos axentes sociais para adaptar a oferta formativa aos perfís profesionais máis solicitados no terreo laboral. “E este ano xa contamos con máis de 1000 cursos para 15.500 desempregados”, recordou, incidindo en que un dos sectores onde é fundamental incentivar a formación dos traballadores é o naval, debido ao seu carácter estratéxico en Galicia.

Ademais da formación, o titular da Xunta referiuse ao emprendemento e á innovación, á internacionalización e á estabilidade institucional como factores clave para o desenvolvemento económico, para crecer nunha economía global cada vez máis exixente e para captar novos investimentos.

Así, no eido do emprendemento lembrou, a modo de exemplo, que ser autónomo en Galicia é hoxe máis doado coa ampliación da tarifa plana de 50 euros; co aumento en 16 semanas adicionais da bonificación do 100% da cota da Seguridade Social para conciliar no caso de maternidade e paternidade; co Bono do Autónomo, cunha contía de ata 3000 euros para a consolidación da actividade; e coa mellora das axudas á contratación indefinida, que crecerán en 1000 euros (pasando de 4000 a 5000 euros para o primeiro traballador contratado e de 5000 a 6000 euros para o segundo e terceiro).

Nesta mesma liña, subliñou que se o proxecto se desenvolve no ámbito rural o Programa Galicia rural emprende recolle axudas de ata 70.000 euros e un aumento dun 25% nos incentivos á contratación.

No campo da innovación, precisou que a Axenda para apoiar o desenvolvemento da tecnoloxía 4.0 na industria galega –que xa axudou desde o seu nacemento a crear 11.500 novos empregos industriais-, disporá, de aquí a 2018, dun 22% máis de orzamento, ata os 175 millóns de euros.

Co obxectivo de seguir abrindo as portas ao investimento, o responsable do Executivo autonómico referiuse ao deseño do Plan de acción para a captación de investimentos, que recolle unha serie de medidas coas que tender unha ponte a aquelas compañías que se queiran instalar na Comunidade ou que decidan apostar pola industria galega.

Ao respecto, avanzou a aprobación dunha lei de fomento da implantación empresarial, que permitirá simplificar e axilizar os trámites administrativos para a instalación dun proxecto industrial en territorio galego e incluír axudas e beneficios fiscais para o desenvolvemento da actividade empresarial. “É dicir, unha lei específica que terá como único obxectivo simplificar os trámites, as dificultades e o cumprimento de todas as normativas -europeas, estatais, provinciais, locais e autonómicas-, con axudas ademais de con incentivos fiscais”, abundou.

Así mesmo, a Xunta buscará a colaboración dos concellos, a través da Oficina Doing Business, para canalizar as suxestións e o asesoramento preciso para os proxectos promovidos por autónomos. “E temos tamén que seguir poñendo á disposición solo industrial máis barato”, aseverou, referíndose ás bonificacións de solo industrial de entre o 30% e o 50%, que xa se aplicaron, e a outras ferramentas postas en marcha como o dereito de superficie.

Galicia, un territorio con grandes capacidades instaladas

Feijóo aseverou que o Goberno galego seguirá traballando polo camiño máis seguro que escolleron os galegos: o camiño das certezas, da confianza e da previsión, como acredita a aprobación nos 100 primeiros días de goberno dos orzamentos de 2017.

O presidente da Xunta incidiu en que Galicia é un territorio que conta con grandes capacidades instaladas e concluíu pedindo aos emprendedores que nunca perdan a iniciativa e que compitan con ambición: “Nunca perdades a iniciativa de emprender, de innovar e de explorar novos puntos de venda. E nunca perdades a ambición, porque a ambición deste pobo está demostrado no noso ADN”, sentenciou.

15 de marzo de 2017 | 16:43 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario