publicidade hoxe

O Plan de accesibilidade de autobuses ao centro da Coruña mellorará a mobilidade e fomentará o emprego do transporte público

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, interveu hoxe na xornada ‘Xestión e deseño do transporte urbano e metropolitano’, organizada pola Universidade da Coruña, onde salientou que o Plan de accesibilidade de autobuses ao centro da cidade mellorará a mobilidade dos veciños e fomentará o uso do transporte público.

Vázquez Mourelle indicou que o plan vén de someterse de novo a información pública logo de introducir as achegas dos concellos da área e das empresas de transporte. Precisou que é unha iniciativa que incrementará os usuarios do autobús na comarca da Coruña, optimizando os percorridos e paradas dos autobuses interurbanos no centro da cidade e eliminando tamén posibles transbordos.

A titular de Infraestruturas subliñou que este Plan de Accesibilidade suporá unha revolución do transporte mellorando significativamente o transporte e facéndoo máis atractivo aos usuarios, o que favorecerá maiores niveis de uso do transporte público e beneficios para todos.

Plan de Transporte Metropolitano

Ethel Vázquez puxo en valor o Plan de Transporte Metropolitano, que o ano pasado rexistrou a bonificación de 14 millóns de billetes, o que supón un incremento do 9% con respecto ao exercicio anterior. Na área metropolitana da Coruña, en 2016 bonificáronse uns 6 millóns de billetes.

Na actualidade, este plan da Xunta está en funcionamento en 5 áreas metropolitanas e en 65 concellos que aglutinan máis da metade da poboación de Galicia. Non obstante, a conselleira indicou que o Goberno galego segue tratando de expandir este modelo e estender os seus beneficios a aquelas áreas onde non está implantado, como son as áreas metropolitanas de Ourense e de Pontevedra.

Este programa, financiado nun 80% pola Xunta, suponlle aos usuarios frecuentes aforros medios de 600 euros ao ano e incluso poden chegar aos 1.000 euros ao ano en caso de que tamén empreguen o bus urbano.

O Executivo autonómico, co obxectivo de sumar vantaxes ao Plan de Transporte Metropolitano, incorporou medidas innovadoras como a Tarxeta Xente Nova, que lle permite aos menores de 19 anos ter transporte metropolitano interurbano gratis. Esta iniciativa xa está a ser empregada por 33.000 menores de 19 anos, 12.000 na área da Coruña. Ademais, esta tarxeta desempeña un papel fundamental no eido da concienciación do uso do transporte público.

Intermodalidade

Por outra parte, a conselleira destacou a aposta da Xunta pola intermodalidade, que no caso da estación da Coruña, tivo lugar recentemente un principio de acordo entre o Goberno galego, Ministerio e Concello para o impulso da intermodal da cidade.

Subliñou que o Goberno galego está comprometido coa construción da nova estación de autobuses, na que se investirán uns 10 millóns de euros, para o que xa están garantidos os fondos. Precisou que na actualidade estase redactando o proxecto da nova terminal e do aparcadoiro e cómpre traballar coordinadamente co Ministerio de Fomento e co Concello no deseño e na integración das terminais de autobuses nas de ferrocarril.

A Xunta ten adoptado unha importante decisión para abordar a tramitación urbanística da intermodal da Coruña a través do procedemento legal máis áxil: unificando os proxectos das distintas pezas que compoñen a estación para a súa tramitación pola Lei 3/2016, aprobada pola Xunta o pasado ano para impulsar os proxectos de especial interese público.

Este procedemento permitirá recuperar o tempo perdido e poñer á intermodal da Coruña á altura doutras estacións que nestes momentos están máis avanzadas en canto á tramitación.

15 de marzo de 2017 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.