publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O número de doses da vacina antigripal postas á poboación galega en 2016 ascende a 514.907

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Segundo o informe final da Campaña de Vacinación Antigripal 2016, posta en marcha pola Consellería de Sanidade, o número total de doses administradas na poboación galega ascendeu a 514.907, o que supón 29.314 doses máis que na campaña pasada.

Do total das doses postas, 370.540 corresponden ao grupo de persoas de 65 ou máis anos, o que supón case que dous puntos máis que na campaña anterior, ao pasar do 54,06% de 2015 ao 56,03% do 2016. Cómpre sinalar que a poboación de 65 ou máis anos é superior á de 2015 (661.310 fronte a 655.907). Por sexos, a porcentaxe de cobertura acadada foi do 57,87% nos homes e 54,68% nas mulleres.

Ademais, ata o de agora, entre os ingresados con gripe faleceron 122 persoas; todos eles tiñan a vacina indicada pero o 36,9% non a recibiran.

Así mesmo, segundo se desprende dos datos, ata o 5 de marzo declaráronse 1.915 ingresos hospitalarios con gripe confirmada. Das persoas ingresadas, o 6,9% necesitaron ingreso en UCI, o 92,3% tiñan algún factor de risco para ter unha gripe complicada, e o 43,3% non estaban vacinadas.

Vacinación por grupos de idade

Para a análise das coberturas de vacinación nas persoas de 65 ou máis anos subdividiuse a poboación en tres grupos (65-69, 70-74, e 75 ou máis anos), ademais de por sexos.

No subgrupo de 65 a 69 anos, as persoas vacinadas foron 68.223 (33.218 homes e 35.005 mulleres) cunha cobertura do 41,34%. Este grupo foi destinatario de novo da actividade desenvolvida polo Sergas Promoción da vacinación antigripal 2016, que consistiu en realizar chamadas telefónicas a persoas que non acudiron espontaneamente ao seu centro de saúde para seren vacinados.

No subgrupo de 70 a 74 anos as persoas vacinadas foron 81.204 (38.790 homes e 42.234 mulleres), cunha cobertura do 55,29%. Este grupo incorporouse nesta campaña á actividade de Promoción da vacinación antigripal.

Por último, no subgrupo de 75 ou máis anos as persoas vacinadas foron 221.293 (90.077 homes e 131.216 mulleres), cunha cobertura do 63,28%. Ao igual que nos anos anteriores, este foi o subgrupo que acadou unha maior cobertura de vacinación, e adoita ser tamén o que ten un contacto máis diario cos servizos sanitarios.

Por provincias, as taxas de cobertura máis elevadas correspóndelles ás do interior. Nas persoas maiores de 75 anos en ditas provincias supérase o obxectivo proposto, cun 66,48% en Lugo e 68,26% en Ourense.

O número de doses de vacina antigripal administradas nas persoas de 60 a 64 anos foi de 38.832 (18.575 en homes e 20.257 en mulleres), superando case que dous puntos o dato da campaña anterior (21,37% en 2015). Por sexos, a proporción de vacinados foi do 22,70% en homes e do 23,31% en mulleres.

O número de persoas de menos de 60 anos que se vacinaron na presente campaña ascendeu a 105.535, o que supón un aumento de 10.305 doses con respecto ao ano 2015. A vacinación nestas idades ofértase especialmente a persoas pertencentes a grupos de risco.

Vacinación de traballadores sanitarios do Sergas

As coberturas de traballadores sanitarios refírense ás do persoal médico e de enfermería do Sergas, tanto de atención primaria como de hospitalaria. A porcentaxe de traballadores sanitarios vacinados amosa un considerable aumento, superando en 6 puntos o obxectivo da campaña en atención primaria, onde se pasa dunha cobertura do 33,87% do pasado ano ao 41,61% desta temporada. En atención hospitalaria, cun 29,96%, non se acada o obxectivo aínda que a cobertura supera en 10 puntos a do ano anterior (19,34%).

O incremento nas coberturas foi especialmente notable entre o persoal de enfermería que acada a maior cobertura, 47,06%, superando claramente o obxectivo e situándose 12 puntos por riba. Así mesmo, no global de Galicia o persoal médico tanto de primaria como de hospitalario superou o obxectivo fixado.

Enfermidade grave e evitable

A gripe é unha enfermidade grave, evitable e moi transmisible que afecta todos os anos a un gran número de persoas cunha elevada morbimortalidade, especialmente naquelas pertencentes aos grupos de risco. A Consellería de Sanidade leva a cabo todos os anos, dende 1991, a campaña de vacinación a través da Dirección Xeral de Saúde Pública. A campaña desenvólvese todos os anos nun período semellante, dunhas 9 semanas, entre outubro e Nadal.

13 de marzo de 2017 | 17:52 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario