publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O novo plan para a igualdade da Xunta estará centrado na educación, no emprego, na prevención e na integración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Intervención do presidente da Xunta no Parlamento

Intervención do presidente da Xunta no Parlamento

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe a aprobación no mes de marzo do VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres 2017-2020, un plan que, segundo explicou, apostará pola igualdade na educación e nos valores, na xestión dos traballos e dos tempos, no emprego e na innovación, na participación e no liderado e na calidade de vida, así como pola sensibilización, a prevención e a integración.

En resposta ás preguntas dos grupos da Cámara, Feijóo avogou por seguir traballando a prol dunha igualdade de todos, sen siglas e sen divisións. “A igualdade non é unha cuestión de siglas partidistas, é unha cuestión de principios, de valores e de compromisos”, dixo, incidindo en que non haberá igualdade real namentres haxa un só caso de violencia machista.

Nesta mesma liña, destacou a aposta por un feminismo inclusivo e sen ideoloxías. “O feminismo sen etiquetas é constituír en 2014, e por primeira vez, o Consello Galego das Mulleres e a Comisión Asesora de Publicidade non Sexista; é aprobar o Programa galego de muller e ciencia 2016-2020 e o I Plan de igualdade no ámbito educativo; e é tamén investir máis que o bipartito nesta materia, un 30% máis en termos relativos”, precisou.

Así mesmo, resaltou a posta en marcha do Bono Concilia -con 2.400 familias beneficiadas- e do Bono Coidado, que hoxe axuda a 3.000 familias; a creación das casas niño no rural, de escolas infantís nos polígonos industriais e o incremento, durante a recesión económica, nun 75% das prazas públicas en escolas infantís.

Se ben aínda queda moito por facer, Feijóo subliñou que a taxa de paro feminino en Galicia é tres puntos inferior á taxa de España; “e, segundo os últimos datos de paro rexistrado, o paro feminino na Comunidade baixou un 8,45% respecto ao pasado ano, case 11.000 mulleres menos en paro”, abundou.

Para loitar contra a fenda salarial -inferior á media española-, Feijóo lembrou que as políticas activas de emprego da Xunta contan cunha discriminación positiva en favor da muller.

Ao respecto, salientou que desde 2009 o 55% das axudas para incentivar a contratación foron destinadas ao emprego das mulleres; “e seguiremos por esta liña, con máis intensidade”, dixo, destacando neste 2017 o incremento dun 27% dos orzamentos para potenciar os plans de igualdade nas empresas .

O presidente da Xunta concluíu recordando que este mes de marzo Galicia se converterá na primeira comunidade autónoma en aprobar o decreto para regular a formación en materia de igualdade e violencia de xénero do persoal da Xunta.

8 de marzo de 2017 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.