publicidade hoxe

O novo espazo activo de emprendemento de Vilamarín impulsará a actividade comercial da localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilamarín
A-
A+

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou esta mañá no municipio ourensán de Vilamarín o novo espazo activo de emprendemento comercial na localidade. A actuación, que conta cun apoio de Economía, Emprego e Industria de preto de 70.000 euros, permitiu habilitar locais no edificio da escola infantil que se destinarán principalmente á venda de produtos locais. Esta mellora nas infraestruturas comerciais do concello súmanse ás axudas por preto de 30.000 euros cos que a Consellería apoiou o ano pasado a ampliación e a dotación de servizos do campo da feira da localidade.

O respaldo aos novos locais enmárcase no programa de impulso aos espazos activos de emprendemento comercial no rural, cuxa segunda convocatoria está aberta ata o 17 de abril e que ten por obxectivo apoiar aos concellos para a adecuación de instalacións de uso comercial e que os emprendedores poidan exercer neles a súa actividade tanto en prazas de abastos como noutro tipo de instalacións.

En 2017 está previsto destinar un total de 600.000 euros a iniciativas que poderán contar cunha axuda de ata o 70% ou un máximo de 70.000 euros por proxecto. Estas axudas súmanse ás que a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu, na primeira convocatoria, a 9 concellos galegos de menos de 20.000 habitantes cun investimento de máis de 425.000 euros.

A iniciativa dos espazos activos de emprendemento comercial no rural enmárcase na aposta da Xunta por fixar poboación nas zonas menos poboadas de Galicia e aumentar as oportunidades laborais dos seus habitantes cun programa de formación e emprendemento nestas áreas que conta cun investimento de máis de 30 millóns de euros, un 20% máis que en 2016.

Campaña para impulsar o emprendemento e a calidade do sector

Por outra banda, a directora xeral de Comercio e Consumo presentou hoxe no CIFP Portovello de Ourense a terceira edición da iniciativa da Xunta Comercio con talento, que ten por obxectivo impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial entre o alumnado que recibe formación profesional específica sobre este sector.

Tal como explicou a directora xeral de Comercio e Consumo, na campaña poden participar os alumnos e alumnas dos centros galegos que imparten os ciclos de formación profesional básica de Servizos Comerciais, do ciclo formativo de grao medio de Actividades Comerciais, e dos de grao superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais, Comercio Internacional, Transporte e Loxística, e Márketing e Publicidade. En Ourense, ademais do CIFP Portovello, participa tamén o CPR Santo Cristo.

No concurso, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, os alumnos estudarán o comercio da súa comarca para finalmente seleccionar un negocio. A continuación, os participantes elaborarán un proxecto sobre o comercio elixido, que deberán enviar antes do 26 de maio.

Un xurado especializado escollerá os nove comercios con máis talento de entre os propostos e fará unha preselección de 5 proxectos que se publicarán no Facebook do Portal do Comerciante para que un dos dez premios sexa decidido polo número de likes que reciba. Os alumnos autores dos proxectos gañadores recibirán como premio un iPad mini.

28 de marzo de 2017 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.