publicidade hoxe

O multiusos de Arcade acolle a mostra “Sorrisos Transformadores” ata o 23 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSoutomaior
A-
A+

O edificio multiusos de Arcade, no concello de Soutomaior, acolle dende hoxe e ata o vindeiro xoves, día 23 de marzo, a exposición fotográfica “Sorrisos Transformadores”. Esta mostra, que foi elaborada conxuntamente pola Deputación de Pontevedra e a Asociación de Familias de Persoas Trans* ARELAS, foi inaugurada hoxe pola Deputada provincial Digna Rivas, e poderase visitar entre as 10:00 e as 13:00 horas todos os días e tamén pola tarde de 16:00 a 20:00 horas agás os mércores. No marco da inauguración da exposición, a Presidenta de ARELAS, Cristina Palacios, deu unha conferencia á que asistiron arredor de 90 rapazas e rapaces estudantes de 4º da ESO do CRP Santiago Apóstolo e do CPI Manuel Padín Truiteiro.

A exposición fotográfica “Sorrisos transformadores”, que está composta por 10 imaxes, é unha campaña de visibilización positiva dos e das menores transexuais e consiste nunha serie de imaxes de persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta e que van acompañadas cada unha delas dun texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre cada unha desas persoas e da súa contorna.

Digna Rivas lembrou que “non se pode consentir que a homofobia e a transfobia sigan estando tan arraigadas na nosa sociedade”. A Deputada provincial asegurou que “parece mentira que en pleno século XXI aínda haxa que tomar medidas que vaian cara a normalización de todas as realidades de orientación sexual e identidade de xénero”. Estas accións, asegurou Digna Rivas, “teñen que conseguir rachar por completo cunha mentalidade que é capaz de levar a cabo campañas difamatorias e de odio como a do autobús da asociación Hazte oír, e tamén rachar con posicións políticas como o silencio ante o desabastecemento da medicación que estas persoas precisan para a súa substitución hormonal”, en definitiva, concluíu a Deputada provincial, “traballar día a día para que os dereitos e as liberdades de todas estas persoas non sexan vulnerados”. “Temos que facer que a nosa provincia sexa un sinónimo de respecto a todas as persoas, sobre todo das que son inxustamente discriminadas”, engadiu Digna Rivas.

Entre as persoas retratadas inclúense persoas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero si todas elas relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe: educadores e educadoras, xuristas, políticos e políticas, psicólogos e psicólogas… A exposición ten un carácter itinerante e permanencia no tempo, para prolongar a reflexión por parte da cidadanía.

“Sorrisos Transformadores” nace co obxectivo de lles dar visibilidade, sensibilización e naturalización ao colectivo trans e as súas familias, co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade. As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña compleméntase cunha oferta de charlas informativas destinadas á comunidade escolar.

13 de marzo de 2017 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.