publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O goberno galego pilotará a primeira Estratexia da cultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Intervención de Román Rodríguez no pleno

Intervención de Román Rodríguez no pleno

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compareceu esta mañá no Parlamento de Galicia para presentar as liñas estratéxicas do seu departamento para esta lexislatura, entre as que salientou o compromiso renovado do seu departamento coa excelencia do ensino, así como a estratexia integral que se vai impulsar no eido da cultura. Neste sentido sinalou que a Xunta traballa por unha Galicia cunha cultura que sexa xeradora de emprego e que respecte o seu patrimonio cultural e lingüístico.

Román Rodríguez sinalou que neste semestre comezarán os encontros co sector para avanzar na elaboración da Estratexia da cultura galega 2021, que ten como obxectivo o fortalecemento da nosa industria cultural partindo de dúas premisas, por unha banda garantir a máxima difusión da actividade cultural de base por todo o territorio e, por outra, asentar un tecido social e empresarial neste ámbito. Dentro dela, traballarase na elaboración dun Plan Específico da Lectura e na definición dun Plan de Audiovisual cun horizonte de cinco anos.

Preservación e difusión da cultura

Tamén no eido da cultura, impulsaranse iniciativas como a posta en marcha da Memoria Dixital de Galicia. Trátase dun proxecto colectivo de conservación, difusión e posta en valor do conxunto do patrimonio cultural que vai incluír o conxunto dos temas e ámbitos que compoñen este ámbito (material e inmaterial, moble e inmoble, literario, lingüístico, audiovisual…), e que se centrará na dixitalización e conservación destes bens e na súa divulgación.

Así mesmo, potenciaranse as redes de programación cultural (de teatros e auditorios, de música ao vivo…). Ademais, para englobar e proxectar baixo unha mesma imaxe pública a creatividade nos diferentes ámbitos, crearase a marca ‘Galicia Creativa’, que servirá tamén como ferramenta para a proxección exterior da cultura galega.
De forma paralela a estas accións e proxectos, a Xunta continuará impulsando a tarefa multidimensional que é a Cidade da Cultura, avanzando na ampliación do Bosque de Galicia e definindo un plan de usos para a estrutura do espazo non rematado, ademais de procurar a súa integración paisaxística.

Plan para os BIC no Camiño

O patrimonio cultural é unha peza fundamental da personalidade colectiva de Galicia e unha fonte de riqueza. Por iso, a Consellería vai continuar traballando na súa protección, recuperación e preservación a través do desenvolvemento normativo da Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Neste sentido, está prevista a elaboración e aprobación de instrumentos como o Decreto polo que se regula a composición e funcionamento da Comisión Mixta Xunta-Igrexa Católica, o Convenio marco de habilitacións para que os concellos podan autorizar intervencións en determinados bens patrimoniais e as súas contornas de protección, e o Decreto polo que se crean os Consellos Territoriais, o Consello Asesor dos Camiños de Santiago e a Comisión Técnica de Arqueoloxía.

Así mesmo, e en colaboración co Goberno central, está previsto afrontar no período 2017/20 a execución dun Plan de Conservación dos Bens de Interese Cultural do Camiño de Santiago co fin de planificar e realizar obras de conservación e rehabilitación de bens destacados nos distintos trazados xacobeos (BICs, pontes históricas, construcións emblemáticas…) e poñer en valor a riqueza patrimonial, histórica e paisaxística das rutas xacobeas, tendo como referente o Ano Santo 2021.

A lingua e a mocidade

Román Rodríguez quixo facer fincapé na importancia capital da lingua galega dentro da estratexia do seu departamento. A este respecto, lembrou que se está a desenvolver o Plan de dinamización do galego no tecido económico e que, en colaboración con Xuventude, se está a preparar un Plan de dinamización do uso da lingua galega entre a mocidade. Asemade, de acordo cun recente acordo parlamentario,prestarase unha especial atención aos neofalantes, persoas que se esforzan por comezar a empregar o galego malia non ser a súa lingua inicial.

Por outra banda, continuarase avanzando no aproveitamento dos vínculos coa lusofonía, o que axuda tamén a internacionalizar a nosa lingua propia, ao tempo que supón unha gran oportunidade para o posicionamento dos nosos sectores produtivos nos importantes mercados lusófonos no mundo.

Impulso ao modelo plurilingüe

Respecto do ensino non universitario o conselleiro salientou que se está a traballar para iniciar no vindeiro curso 2017/18 a progresiva implantación do sistema de plurilingüismo na Educación Infantil de 3 a 6 anos a través dun plan específico que tomará como punto de partida os propios CEIP que xa son plurilingües nos niveis de Primaria.

Ao mesmo tempo, continuarase coa progresiva extensión dos centros plurilingües e coas seccións bilingües nos centros de ensino obrigatorio; e avanzando na introdución do plurilingüismo nas ensinanzas artísticas, na FP, no Bacharelato e, mesmo, na universidade.

Ademais recordou que, para consolidar na sociedade a aprendizaxe de linguas estranxeiras, Galicia conta con bonificacións nas taxas das EOI ao remate de cada ciclo.

Ensino dixital e formación do profesorado

No referido á estratexia de ensino dixital e tecnolóxico, Román Rodríguez avanzou que se está traballando para introducir a Robótica o vindeiro curso en Primaria, continuando cunha iniciativa que ten como obxectivos fomentar as competencias científicas e tecnolóxicas e as vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) dos nosos alumnos.

Asemade, seguirase reforzando a formación do profesorado tanto nesta materia como en plurilingüismo, co fin de axudar aos docentes a facer fronte aos novos retos. Neste mesmo eido, afondarase na orientación e formación no desempeño das actividades de xestión e organización dos centros educativos e continuarase traballando cos decanos das facultades de Ciencias da Educación para axustar a formación inicial do profesorado ás necesidades actuais do sistema educativo.

Bibliotecas, innovación e FP

A presentación da 2ª fase do plan Lía de Bibliotecas Escolares será unha das accións máis inmediatas da Consellería para esta lexislatura, unha vez xa postos en marcha os contratos-programa para este curso. Ademais, continúan desenvolvéndose tanto a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015/20 como as diferentes accións de atención á diversidade do alumnado, medidas todas elas dirixidas a consolidar o sistema educativo galego como un dos máis equitativos do mundo.

No caso da FP, na que Galicia acaba de demostrar o seu potencial ao alzarse con 7 medallas no campionato SpainSkills 2017, apóstase pola potenciación dos CIFP e por poñer a disposición da cidadanía unha oferta adaptada á contorna, ao tempo que se apoia o emprendemento e a innovación.

Universidade e investigación

O Sistema universitario de Galicia (SUG) concentra o 61% dos investigadores da nosa Comunidade e conta con 5 centros de investigación singulares e 2 agrupacións estratéxicas consolidadas, cun financiamento garantido e estable, ata 2019, de máis de 13 millóns de euros. Neste contexto, a Consellería continuará traballando en prol da consolidación dun modelo de investigación universitaria diferenciado, singular e internacional, no marco do que se lanzará un novo programa de captación de talento sénior. Con esta iniciativa búscase atraer ao SUG a investigadores cunha carreira consolidada e de calidade, co obxectivo de que reforcen, potencien e diversifiquen as liñas de investigación.

Ademais, lembrou que a Consellería e as tres universidades xa iniciaron os traballos de adaptación e mellora do mapa de titulacións para determinar os títulos singulares, homoxeneizar contidos básicos e diversificar por medio de orientacións as titulacións multiplicadas, introducir novos títulos con perfís profesionais de futuro e de alta empregabilidade, e apostar pola especialización dos campus.

Pacto educativo

Román Rodríguez salientou finalmente que o sistema educativo español está diante dunha gran oportunidade, a de acadar un Pacto nacional pola Educación, fóra da confrontación, que garanta a estabilidade e dote de certeza o sistema, e que xere sinerxías beneficiosas para o conxunto da comunidade educativa.

Neste sentido explicou que Galicia poderá achegar a súa experiencia en aspectos nos que leva anos traballando con éxito como son a implantación do ensino plurilingüe, o enfoque integral da convivencia nos centros, a educación inclusiva ou o financiamento educativo por resultados; e chamou á colaboración para conseguir este acordo marco en beneficio do futuro do país.

7 de marzo de 2017 | 16:24 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario