publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O DOG publica as axudas de 18,2 millóns de euros para promover o traballo autónomo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria para apoiar o inicio de actividade dos autónomos e para consolidar o seu traballo con incentivos á contratación indefinida. En total, o investimento do departamento autonómico para esta actuación alcanza os 18,2 millóns de euros.

Por unha banda, establécense apoios de 2000 euros para axudar ás persoas desempregadas no inicio da súa actividade laboral, unha contía que aumentará nun 25% para as mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, unidades familiares con todos os seus membros en paro e no caso de que o centro de traballo estea no rural. Deste xeito, a contía máxima poderá alcanzar os 4000 euros. Este ano, como novidade, non se esixe un investimento mínimo para poder optar á axuda.

A Xunta financiará as altas na Seguridade Social formalizadas entre o 1 de outubro de 2016 e o 30 de setembro de 2017, ambos inclusive.

A Consellería de Economía apoia, doutra parte, a consolidación do traballo autónomo con axudas para a contratación indefinida durante o primeiro ano de actividade. A axuda será de 5000 euros para a contratación da primeira persoa traballadora e de 6000 euros para a segunda e terceira. Supón 1000 euros máis en cada caso con respecto á convocatoria do ano pasado. As contías tamén se incrementarán nun 25% nos supostos mencionados anteriormente. Así, os apoios máximos poderán acadar os 10.000 euros para o primeiro traballador contratado e os 12.000 euros para o segundo ou terceiro.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 2017 nos dous programas de axudas, aínda que as solicitudes para os incentivos á contratación indefinida para os contratos realizados entre o 1 de outubro de 2016 e hoxe deberán de presentarse no prazo de dous meses, ata o 13 de maio, e os apoios para as contratacións realizadas a partir de hoxe poderán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data na que se inicie a relación laboral. O prazo máximo en todo caso rematará o 30 de setembro deste ano.

Esta convocatoria de axudas forma parte da Estratexia Autónomo 2020 que vén de activar a Xunta cun total de 160 millóns para os próximos 4 anos -40 millóns ao ano- co obxectivo de apoiar de media a máis de 10.000 traballadores cada ano. Entre as medidas innovadoras que se porán en marcha destacan a ampliación da tarifa plana de 50 euros do Estado e a mellora da conciliación por maternidade ou paternidade aumentando 16 semanas máis a bonificación do 100% da cota da Seguridade Social da persoa contratada.

Así mesmo, porase en marcha o Bono Autónomo de ata 3000 euros para a consolidación da actividade para investir en servizos de mellora competitiva e un programa de relevo xeracional de cara a asegurar a continuidade de negocios solventes e favorecer a integración de persoas mozas no emprego autónomo.

Tamén crearase a Oficina do Autónomo que actuará como xanela única de asesoramento e consulta de acceso telemático, onde os traballadores disporán de toda a información sobre as axudas e procedementos administrativos que sexan do seu interese. Esta oficina contará co apoio e colaboración da Rede de Técnicos de Emprego da Xunta que dará resposta aos autónomos que soliciten axuda e asesoramento.

13 de marzo de 2017 | 17:51 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario