publicidade hoxe

O Comité das Rexións debate sobre o futuro da Unión Europea tras o Brexit

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo participou na sesión plenaria do Comité das Rexións (CdR), onde defendeu que o acordo Reino Unido-UE debe ter en conta os interese da flota galega.

No marco do Pleno do CdR se convidou ás rexións a facer as súas achegas sobre como debe ser a UE do futuro tras o Brexit, todo a unha semana de que se inicien as conversacións de saída. Galicia estivo presente neste intercambio de opinións a través de Jesús Gamallo, ao que o Arco Atlántico acaba de encomendarlle a coordinación dun grupo de traballo específico sobre o impacto do Brexit nesta zona. O CdR pide que se respecte o principio dunha retirada ordenada e que se intensifique o diálogo cos gobernos locais e rexionais. Segundo as rexións, o Brexit non debería conducir ao desmantelamento do mercado único e das liberdades de circulación.

Ademais do Brexit, o CdR iniciou neste pleno un amplo proceso de reflexión sobre o futuro de Europa, que conducirá á aprobación en 2018 dun ditame elaborado polo presidente e o vicepresidente primeiro do Comité, como co-relatores. O proceso preparatorio incluirá unha serie de actos descentralizados con persoas de diferentes Estados membros, debates nas circunscricións locais e nas sesións plenarias en Bruxelas. O CdR considera ademais que a estreita cooperación co Parlamento Europeo sobre este tema é importante e necesaria, por iso é polo que os eurodeputados serán convidados aos plenos.

Neste contexto enmárcase o debate de hoxe, no que participaron, entre outros, os eurodeputados Guy Verhofstadt, ex primeiro ministro belga e relator do informe sobre posibles modificacións e axustes da actual configuración institucional da UE, e Jo Leinen, presidente do Movemento Europeo.

No pleno aprobáronse ademais outros ditames de interese para a nosa comunidade, como un sobre política alimentaria sustentable que xere emprego nas rexións e, sobre todo, o titulado “Estratexias de especialización intelixente (RIS3): repercusións para as rexións e a cooperación interrexional”, ao que Galicia presentou unha emenda reclamando unha mellor harmonización da xestión das axudas do programa H2020, cambio que foi aprobado.

23 de marzo de 2017 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.