publicidade hoxe

O Centro Dramático Galego celebra cunha xornada de portas abertas o Día Mundial do teatro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

O Centro Dramático Galego (CDG) compartirá coa cidadanía a celebración do Día Mundial do Teatro, que terá lugar o vindeiro luns 27 de marzo, cunha xornada de portas abertas na súa sede do Salón Teatro, en Santiago. Esta acción divulgativa busca achegarlle ao público tanto a historia deste edificio da zona monumental de Compostela, como as engrenaxes que se poñen en marcha tras o pano cara á escenificación dun espectáculo.

Con tal fin, organizarase un total de sete visitas guiadas en horario de mañá (10.00, 11.00. 12.00 e 13.00 h) e de tarde (17.00, 18.00 e 19.00 h), gratuítas e axeitadas para todos os públicos. As prazas limítanse a 10 persoas en cada quenda e adxudicaranse por orde de solicitude entre as persoas que se inscriban a través do teléfono 881 867 226 / 228, en horario de 9.00 a 14.30 h, ou no correo electrónico centro.dramatico.galego@xunta.gal.

“O teatro é a verdade agochada”, cita do dramaturgo brasileiro Augusto Boal, serve de lema para estas visitas, que darán comezo no exterior do teatro. Desde aí explicaranse as modificacións no edificio do Salón Teatro desde a súa primeira reconstrución en 1920 como sala de eventos e espectáculos para os socios da Liga da Mutua de Señoras de Santiago ata a adquisición do inmoble pola Xunta de Galicia e a intervención realizada entre 1998 e 1999 para recuperalo como espazo escénico e acoller, ao tempo, as oficinas do Centro Dramático Galego.

En produción

A continuación, os grupos percorrerán as diferentes dependencias técnicas do teatro (cabina, xastrería, camaríns…) e accederán aos espazos entre bambolinas, onde nestes momentos se está a traballar na produción do novo espectáculo do CDG, ‘Martes de carnaval’, baixo a dirección de Marta Pazos. Nas quendas de mañá, os participantes terán ademais a oportunidade de se asomar desde o patio de butacas aos ensaios en escena desta primeira versión en galego das obras de Valle-Inclán ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’, que a compañía pública estreará aquí o xoves 20 de abril.

As visitas finalizarán na biblioteca do Salón Teatro, onde se realizará o sorteo dun agasallo entre os participantes, consistente nun exemplar da antoloxía teatral ‘40 anos daquel Abrente’ e outro de ‘Tartufo’, primeiro número da nova colección de publicacións do Centro Dramático Galego.

21 de marzo de 2017 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.