publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Centro Coreográfico Galego abre o Plan formativo 2017 cun curso de danza clásica a cargo de Óscar Torrado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Centro Coreográfico Galego abre o seu programa formativo de 2017 co curso de danza clásica que impartirá na súa sede da Coruña o bailarín Óscar Torrado do 10 ao 14 de abril. Dirixido a bailaríns e bailarinas profesionais, profesorado e estudantes de danza de nivel medio-alto, o encontro dispón de prazas limitadas e tamén ofrece a posibilidade de asistencia como oínte.

As cinco sesións con Torrado, que se desenvolverán en horario de mañá, darán comezo cunha clase de nivel medio-avanzado, para centrarse a continuación no perfeccionamento da técnica de puntas e do ‘pas de deux’. O prazo de inscrición para este curso permanecerá aberto ata o 31 de marzo e o prezo de matrícula é de 50 euros para o alumnado activo e de 20 euros para o oínte.

Bailarín clásico de proxección internacional, Óscar Torrado desenvolveu a súa traxectoria artística tanto dentro como fóra de España. Despois de graduarse con matrícula de honor no Real Conservatorio Profesional de Danza de Madrid, con 16 anos debutou co Ballet do Teatro Lírico Nacional, dirixido naquel entón por Maya Plisetskaya, onde continuou trala súa conversión en Compañía Nacional de Danza baixo a dirección de Nacho Duato.

Bailarín principal do Ballet Nacional de Cuba

Tras esta experiencia, entra como bailarín convidado no Ballet Nacional de Cuba, onde permanecerá durante 10 anos e chegará a ser bailarín principal, interpretando os principais papeis do repertorio clásico. Xunto a Laura Hormigón, con quen traballa habitualmente, tamén ten sido convidado a actuar en compañías como a Ópera de Tbilisi, o Rostov Ballet, o Canadian Ballet Theatre e o Ballet da Ópera Estatal Bashkirian.

En 2008 comeza o proxecto coreográfico ‘Noche española’, montaxe que combina afamadas pezas clásicas con outras da escola bolera, e co que ten participado en numerosos festivais. Membro do consello internacional da danza CID-Unesco, colabora desde hai cinco años no programa ‘El Conciertazo’ de TVE.

Con este curso dáse continuidade ao programa formativo do Centro Coreográfico Galego, que durante o ano pasado desenvolveu un total de cinco encontros con figuras internacionais da danza clásica como Marta García, primeira bailarina cubana recentemente falecida, Orlando Salgado, Gonzalo Zaragoza, Tino Morán e Lázaro Carreño.

9 de marzo de 2017 | 16:17 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario