publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Nova liña de axudas aos entes locais para a posta en marcha de iniciativas dirixidas á mocidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, celebrou hoxe nas instalacións de Espazo Xove de Ourense unha xuntanza con alcaldes, concelleiros de mocidade e técnicos de información xuvenil da provincia coa finalidade de explicarlles as novidades máis destacadas deste departamento autonómico para este ano, como son a nova orde de subvencións aos entes locais e a presentación do novo decreto que desenvolve a Lei de Xuventude.

A responsable de Xuventude reuniuse, en primeiro lugar, cos representantes políticos, e a continuación entrevistouse cos técnicos de mocidade. A estas xuntanzas estiveron convidados os edís e técnicos de xuventude dos municipios de A Bola, A Gudiña, A Merca, A Mezquita, A Peroxa, A Veiga, Allariz, Amoeiro, Arnoia, Avión, Baltar, Bande, Barbadás, Beade, Beariz, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Cartelle, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Celanova, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Coles, Entrimo, Esgos, Leiro, Lobios, Maceda, Manzaneda, Montederramo, Monterrei, Muiños, Nogueira de Ramuín, O Barco, Carballiño, Oimbra, Os Blancos, Ourense, Pereiro de Aguiar, Piñor,Pobra de Trives, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ribadavia, Riós, Rubiá, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, Verín, Viana do Bolo, Vilamarín, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambia e Xunqueira de Espadañedo.

En canto á nova liña de axudas destinadas ás entidades locais de Galicia para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á mocidade, Cecilia Vázquez remarcou a importancia de fomentar a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil, potenciando que se fagan conxuntamente entre varios concellos. Así, se incrementan os importes máximos ao dobre nas axudas individuais, pasando de 3.000 € a 6.000 €. de 8.000 nos programas que interveñan dous concellos a 15.000 €; e de 15.000 no que participen tres concellos ou a máis a 22.000 euros.

Poden solicitar estas axudas os concellos, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos; as agrupacións de concellos, colindantes e/ou dunha mesma comarca, que se xunten para os efectos de levaren a cabo unha iniciativa local conxunta.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado comunicou que con esta orde se pretende potenciar os mellores proxectos nas áreas de Dinamización da información para a mocidade e nas Iniciativas locais emprendedoras, nas que se pretende que se presenten proxectos relacionados co emprendemento e coa empregabilidade da mocidade. Así mesmo, tamén se fai fincapé na promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a mocidade, na sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, no fomento da inclusión social e laboral e na accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.

Outros aspectos relevantes que se buscan reforzar coa nova orde son o fomento de actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa comunidade e na súa contorna, a dinamización da lingua galega, o fomento da participación e o empoderamento das mozas galegas, a conservación e posta en valor do medio ambiente e do patrimonio cultural e natural, o desenvolvemento e dinamización do medio rural, e a creación de espazos para a comunicación e as tecnoloxías da información e comunicación.

Por outra banda, Cecilia Vázquez expuxo tamén que se está a traballar no novo decreto de Xuventude, que desenvolve a Lei de Xuventude de Galicia, no que pretende contar cos técnicos que traballan no ámbito da mocidade. Con esta finalidade, levaranse a cabo xornadas provinciais cos técnicos de información xuvenil e xuventude, coas asociacións xuvenís e coas escolas de tempo libre para que saia un texto o máis participativo posible.

Tras o encontro de hoxe en Ourense e o mantido a semana pasada na Coruña, esta responsable autonómica continuará con estas reunións para explicar a rexedores, concelleiros e técnicos no ámbito xuvenil as novidades das políticas da Xunta de Galicia dirixidas á mocidade. Así, as seguintes xuntanzas terán lugar os días 29 e 31 de marzo en Vigo e Lugo, respectivamente. Cecilia Vázquez rematará esta rolda de xuntanzas o día 3 de abril en Santiago de Compostela cos concellos da provincia da Coruña que non asistiron a este primeiro encontro.

20 de marzo de 2017 | 16:35 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario