publicidade hoxe

Nava Castro salienta o papel da innovación para consolidar un sector turístico competitivo e coordinado en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSanxenxo
A-
A+

A formación e a innovación están a ser o motor que impulsa aos profesionais do turismo a actualizarse, adaptarse aos novos tempos e consolidar así en Galicia un sector “competitivo, coordinado e sustentable”.

Así o manifestou hoxe a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na inauguración en Sanxenxo da Xornada sobre lexislación turística e axudas ao sector, que reuniu a numerosos profesionais interesados nas últimas novidades turísticas.

Organizada polo Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), durante a xornada presentouse o funcionamento de Turespazo, a plataforma posta en marcha por Turismo de Galicia que está a disposición de todos os axentes turísticos para optimizar os procesos de xestión, información e inspección.

Trátase dunha potente ferramenta incluída no Plan Smart Turismo, un plan que responde ás novas demandas “con novas solucións, que abre novos mercados e conecta Galicia cos seus visitantes”, explicou Nava Castro.

Neste sentido, referiuse ao “destacado papel” que tamén teñen na nova estratexia de Turismo de Galicia 2017-2020 –aprobada hai uns días polo Consello da Xunta- a formación e profesionalización do sector, así como a innovación e as novas tecnoloxías porque “non se trata do noso futuro, senón xa do noso presente”, indicou.

O reto do turismo sustentable

As empresas turísticas precisan as ferramentas e a formación adecuada para poder sacar partido ao potencial das novas tecnoloxías polo que dende a Administración autonómica estase a facer fincapé en solucións que axuden a mellorar o coñecemento do cliente, a comercialización ou fidelización, sen esquecer a sustentabilidade económica e ambiental do negocio.

Neste sentido, Nava Castro falou da necesaria concienciación que debe existir no aforro e a eficiencia enerxética no sector hoteleiro, un asunto “transversal no que todos debemos estar comprometidos”, dixo recordando que é este un dos grandes retos da estratexia turística de Galicia para converter á nosa comunidade nun modelo europeo de turismo sustentable.

“Non falamos só de traballar na protección e posta en valor dos recursos que ofrece Galicia, senón tamén de imprimir de sustentabilidade todas as políticas turísticas e a actividade dos empresarios do sector”, indicou.

Eficiencia enerxética

Ademais de presentar a plataforma Turespazo, a xornada celebrada en Sanxenxo tamén incluíu un relatorio para dar a coñecer as claves dalgunhas das últimas novidades da lexislación turística na nosa comunidade.

Os proxectos de aforro e eficiencia enerxética no sector hoteleiro centraron tamén un relatorio a cargo da xerente do Inega, Zeltia Lado, quen salientou os diferentes apoios cos que conta a Consellería de Economía, Emprego e Industría.

Entre eles atópanse as axudas para potenciar a eficiencia enerxética na industria e o sector servizos, en cuxa última convocatoria se concederon apoios para 198 proxectos cun importe total de 5,4 millóns de euros, o que permitirá un aforro estimado ao conxunto dos beneficiarios de 6 millóns ao ano e a redución das emisións de CO2 en 10.700 toneladas anuais, o equivalente a plantar 537.000 árbores.

As empresas galegas tamén se poden beneficiar da instalación de caldeiras de biomasa, con apoios de ata 200.000 euros por proxecto, ou de bombas de calor (xeotermia e aerotermia) ou solares térmicas. Estas axudas poden solicitarse ata o 24 de abril.

Ademais, o programa incluíu información sobre as axudas e subvencións a empresas en zonas rurais para banda ancha, levadas a cabo pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

30 de marzo de 2017 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.