publicidade hoxe

Nava Castro loa a nova cociña galega na consolidación da comunidade como destino gastronómico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Nava Castro na última parada do Gastrotrailer Nove. Foto: M. Fuentes

Nava Castro na última parada do Gastrotrailer Nove. Foto: M. Fuentes

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou esta mañá o papel da nova cociña galega na consolidación de Galicia como un destino gastronómico atractivo que está a permitir “desestacionalizar o noso turismo, poñer en valor a nosa tradición e innovación culinaria, difundila e internacionalizala”, indicou.

Nava Castro fixo estas declaracións durante a súa participación na última parada do Gastrotrailer Nove que xa percorreu cidades como Santander, Valladolid, Oviedo, Xixón ou Ponferrada e que agora recalou finalmente en A Coruña, dentro das actividades do Forum Gastronómico que se está a celebrar estes días na cidade herculina.

Recordando a calidade dos profesionais da cociña galega, fixo referencia aos seus numerosos recoñecementos -dos que o Grupo Nove aglutina un total de 9 das Estrellas Michelin dos restaurantes galegos e 17 soles Repsol- e tamén se referiu a algunhas iniciativas levadas a cabo polo seu departamento neste sentido.

Como indicou, nos últimos anos accións como De Tapas por Galicia, que incentiva o turismo urbano, o Outono Gastronómico, que promove a gastronomía con estancias en casas rurais, ou As Rutas dos Viños de Galicia, entre outras moitas, están axudando a manter e consolidar este bo nivel e contribuír a consolidarnos como destino gastronómico atractivo durante todo o ano.

A gastronomía, o segundo motivo para visitar Galicia

“A nosa gastronomía é unha das mellores cartas de presentación de Galicia e o segundo motivo polo que os turistas deciden visitar a nosa comunidade en calquera época do ano, polo que é unha das prioridades de Turismo de Galicia, e que se ve reforzada con iniciativas como na que hoxe participamos”, indicou Nava Castro.

O Gastrotrailer Nove de A Coruña incluíu un pase para algo máis de 20 persoas no que os cociñeiros Álvaro Villasante, Antonio Botana e Pepe Solla, presentaron os seus pratos ‘Grelos escollidos, fouciño e pil pil’, ‘Alubias, polbo da ría e os seus zumes’ e ‘Tartar de navalla con sopa de lamprea’, que puideron degustar todos os asistentes.

Difusión da marca Galicia

Remataba así en A Coruña o tour que levou a esta singular unidade móbil polo norte de España celebrando varias presentacións gratuítas e de entrada libre, con pases para un máximo de 24 persoas. A través do mesmo, exaltouse a cociña de autor e os produtos galegos, con diálogos entre cociñeiros do Grupo Nove e participantes.

Tamén se incluíron degustacións guiadas dos pratos elaborados previamente e deseñados para a ocasión, para dar a coñecer as súas calidades. “Sen dúbida, unha moi boa maneira de dar a coñecer a marca Galicia e a nosa gastronomía, especialmente da súa concepción máis moderna e contemporánea”, destacou Nava Castro.

13 de marzo de 2017 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.