publicidade hoxe

Nava Castro destaca o incremento da oferta accesible no camiño como clave para unha peregrinación máis universal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Nava Castro na visita ao Centro Superior de Hostalería de Galicia

Nava Castro na visita ao Centro Superior de Hostalería de Galicia

O aumento da oferta accesible no Camiño de Santiago será unha das claves para converter a experiencia da peregrinación nun fenómeno moito máis universal e contribuirá a situar Galicia como destino turístico diferenciado, adaptado e responsable.

Así o manifestou esta mañá a responsable de Turismo da Xunta, Nava Castro, durante a súa visita ao curso de formación ‘Turismo accesible no Camiño de Santiago’ que se está a celebrar no Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), impulsado polo seu departamento ao abeiro do proxecto europeo Saber-Universal.

Ante a presenza dos numerosos profesionais do sector participantes, Nava Castro destacou que para poder acadar esta oferta accesible a formación ocupa un lugar primordial. “Somos conscientes de que todos os operadores turísticos e profesionais que traballades ou traballaredes no futuro neste sector precisades ter na vosa man as ferramentas adecuadas para poder construír entre todos unha oferta turística accesible, adaptada e responsable, por iso levamos a cabo iniciativas como esta que axudarán a acadalo”, indicou.

A directora de Turismo de Galicia referiuse, ademais, á especial importancia dun turismo accesible no eido do Camiño de Santiago, un dos nosos recursos máis internacionais e que cada ano trae a Galicia a numerosos peregrinos, aos que se debe facilitar a súa peregrinaxe. “Facendo un Camiño máis adaptado tamén conseguiremos que poidan ser moitos máis os que nos visiten para gozar desta magnífica experiencia”, engadiu.

Firme aposta pola accesibilidade no Camiño

Neste sentido, Nava Castro recordou que ademais de participar neste proxecto europeo no que se enmarcan as xornadas, Turismo de Galicia puxo en marcha o Plan Director do Camiño de Santiago onde se inclúe unha firme aposta polo Camiño como un recurso accesible para todos. Tamén se referiu á colaboración coa Plataforma Representativa de Persoas con Discapacidade (PREDIF) para desenvolver o Plan de Accesibilidade Turística de Galicia que incluíu un plan específico de diagnóstico e execución para a accesibilidade no Camiño de Santiago.

En base a estes resultados, adaptáronse varias instalacións e hoxe en día todos os albergues da Rede Pública de Albergues no Camiño de Santiago dispoñen dunha habitación destinada a persoas con discapacidade. Tamén se completou a dotación nos albergues públicos con aseos destinados a persoas con mobilidade reducida co mobiliario e equipos necesarios para un mellor servizo, barras de apoio e abatibles, así como cadeira de ducha adaptada.

“Accións como estas están a sumar na construción dunha oferta turística que nos diferencie doutros destinos en canto á accesibilidade, algo que non só afecta e beneficia a certos colectivos, senón ao noso destino turístico e á sociedade na súa totalidade”, salientou Nava Castro.

Proxecto europeo de accesibilidade

O curso ‘Turismo accesible no Camiño de Santiago’ está enmarcado no proxecto europeo Saber-Universal que ten como principal obxectivo a promoción do turismo accesible mediante a mellora de instalacións e servizos para turistas con necesidades especiais en dúas rutas de peregrinación, o Camiño Francés de Santiago, en España e o Camiño de San Benedicto, en Italia. Tamén inclúe actividades formativas así como o deseño de paquetes turísticos accesibles nos destinos, entre outras.

Durante estas xornadas celebradas no CSHG, os profesionais puideron coñecer asuntos tales como cal debe ser a correcta comunicación cos clientes con necesidades especiais, cales son as súas necesidades básicas para o uso das infraestruturas e servizos turísticos, cales son as súas motivacións á hora de viaxar ou o tipo de viaxe que realizan. Ademais, aprenderon a facer accesible os seus negocios así como algunhas técnicas do márketing inclusivo, entre outras cuestións.

21 de marzo de 2017 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.