publicidade hoxe

Miranda transmitirá aos galegos residentes en Venezuela o compromiso da Xunta por reforzar a asistencia aos paisanos con maiores dificultades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

Antonio Rodríguez Miranda inicia mañá a súa primeira viaxe institucional do ano a Venezuela, destino en máis dunha ducia de ocasións na lexislatura pasada. Coa presenza reiterada do secretario xeral da Emigración e outros altos cargos, e a permanente e crecente atención ás colectividades galegas que residen alí, a Xunta quere transmitir aos paisanos residentes en Venezuela a súa preocupación compartida pola complicada situación que atravesa o país.

Miranda visitará en primeiro lugar Valencia, terceira cidade máis poboada do país e que concentra un número importante de galegas e galegos, a maioría dos cales están vinculados á Hermandad Gallega de Valencia. Alí, o secretario xeral asinará un acordo de colaboración en materia social e asistencial para atención ás necesidades básicas dos nosos paisanos residentes na zona.

Tamén terá un encontro con socias e socios da entidade, e a súa directiva, e presentará un adianto das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, iniciativa pioneira que neste ano se porá en marcha, e que ten por obxecto facilitar que os galegos e descendentes, residentes no estranxeiro e cun bo expediente académico, poidan realizar mestrados nalgunha das tres universidades galegas, o cal lles dea acceso ao mercado laboral galego. Tamén presentará as liñas de apoio ao retorno, tanto as axudas asistenciais como as Axudas ao Retorno Emprendedor: estas pódense sumar a outras subvencións públicas e privadas, e ata o de agora teñen axudado xa a medio centenar de iniciativas empresariais desenvolvidas por retornados a se implantaren no territorio galego.

En Caracas

O secretario xeral desprazarase xa o xoves a Caracas, onde reside a colectividade galega máis numerosa no país, e sede dunha das comunidades máis senlleiras da diáspora, a Hermandad Gallega de Venezuela. Alí, visitará a socias, socios e instalacións, e asinará dous acordos de colaboración coa entidade, un similar ao de Valencia para atención social e sanitaria a galegos residentes na capital, e máis outro para o mantemento dunha oficina de atención e asesoramento á colectividade galega.

Asemade, Miranda presentará de novo o avance das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’ e os programas de axuda ao retorno, e tamén fará entrega das compostelas (credenciais de teren realizado un tramo mínimo do Camiño de Santiago) aos mozos e mozas participantes no programa Conecta con Galicia 2016 e que residen en Caracas.

Xa o venres, Miranda visitará o Colexio Castelao (fundado pola diáspora e no que colabora activamente a Xunta de Galicia), e asinará un novo acordo de colaboración para a atención a paisanas e paisanos en materia social, sanitaria e asistencial, nesta ocasión coa Fundación España Salud, para asistencia a galega e galegos en situación de especial precariedade ou dependencia. Tamén visitará o Fogar San José, que atende a un destacado número de galegos e galegas na capital venezolana.

Atención constante

O Goberno galego segue con especial atención os acontecementos en Venezuela, e está en permanente contacto coas comunidades galegas asentadas no país. A colaboración e traballo destas é fundamental para que a axuda que presta a Xunta poda chegar aos seus destinatarios.

Esta axuda desenvólvese en dous eixos fundamentais. Por unha banda, nas achegas directas a través de axudas individuais, que teñen beneficiado a duascentas familias só en 2016; e, por outra, a través de programas específicos para a mocidade e maiores, acordos en materia social e asistencial con entidades que actúan alí, e acollida en institucións de coidado a galegos: aténdese directamente a uns 1.000 galegos en colaboración coas diferentes institucións. O orzamento destinado en 2016 para Venezuela a estas liñas ascendeu a máis de 600.000 euros.

Ademais, dentro do programa de axudas asistenciais ao retorno (que unicamente se reciben unha vez, e por causas de extrema precariedade), e tamén de Axudas ao Retorno Emprendedor, a porcentaxe de beneficiarios que residían en Venezuela antes do retorno é a maior de entre tódolos países. Cómpre salientar que a Xunta colabora tamén de maneira intensa coas asociacións de retornados de Venezuela residentes arestora en Galicia.

Máis de 46.000 galegos

Segundo os últimos datos do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2016, residen en Venezuela un total de 46.095 galegas e galegos, dos cales 29.684 (un 64’4 por cento) naceron xa na diáspora. Trátase, trala canaria, da colectividade española máis relevante nun país que está a atravesar momentos de especial incerteza sobre o seu futuro.

1 de marzo de 2017 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.