publicidade hoxe

Medio Ambiente pecha a rolda informativa para o fomento da economía circular cunha reunión cos Xóvenes Empresarios da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co representante da asociación de Xóvenes Empresarios da Coruña

Beatriz Mato na reunión co representante da asociación de Xóvenes Empresarios da Coruña

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, vén de pechar a rolda informativa para o fomento da economía circular cunha reunión con membros da Asociación de Xóvenes Empresarios da Coruña. Este encontro permitiu trasladar a este colectivo a oportunidade que se presenta agora que Galicia coordinará, xunto con Cataluña e Valencia, o grupo de traballo de Economía Circular e fondos europeos, creado no marco da Rede de Autoridades Ambientais do Ministerio de Agricultura, Produción Agraria e Medio Ambiente.

Beatriz Mato invitounos a participar e presentar as súas achegas para conseguir que esta aposta por este modelo se converta nunha ferramenta para crear novas oportunidades de negocio e emprego verde, unha das súas grandes vantaxes, xunto co potencial para resolver os retos ambientais.

Salientou a oportunidade que se lle presenta ao tecido empresarial de Galicia de por en riba da mesa as inquedanzas e iniciativas en relación con esta materia, para presentalas neste grupo de traballo no que se acordarán posibles vías de financiamento de proxectos ou a instrumentación da economía circular con fondos da Unión Europea e tamén revisará as propostas lexislativas sobre residuos, aumento da reciclaxe e redución de verteduras e mellora da xestión dos residuos.

Mato Otero indicou que Galicia ten que seguir adiante neste reto, pois a Comisión Europea xa colocou a economía circular na axenda ambiental e económica, a través do Plan de acción da Unión Europea para a Economía Circular; polo que Galicia debe ser parte activa neste eido e propor iniciativas que aposten por este modelo para a xestión dos residuos.

Argumentou que fronte ao modelo lineal de recoller, fabricar e tirar, a Xunta está concienciada en impulsar a economía circular; unha alternativa na que o valor dos produtos e materiais mantense durante o maior tempo posible; os residuos e o uso dos recursos redúcese ao mínimo. Ao mesmo tempo, poténciase que os recursos se conserven dentro da economía e cando o produto chega ao final da súa vida útil, co fin de volvelos a utilizar repetidamente e seguir creando valor.

8 de marzo de 2017 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.