publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente inicia as obras de rehabilitación do parque Manuel de Blas e outros espazos públicos de Portomarín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPortomarín
A-
A+

Hoxe deron comezo as obras de mellora e rehabilitación do parque público Manuel de Blas e outros espazos públicos do entorno en Portomarín, contratadas pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio cun orzamento de adxudicación de 111.188 euros. Os traballos teñen un prazo de execución de dous meses.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou a zona para coñecer os detalles do proxecto, que afecta ao citado parque, á área de enlace das rúas do Pelegrín, Miño e Avenida de Sarria, e á fonte situada na confluencia entre estas últimas. Durante a visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Juan Serrano.

As obras consistirán na renovación de pavimentos en zonas peonís, renovación de céspede en zonas verdes, con poda de árbores autóctonas e instalación soterrada de rego automático, renovación e mellora de elementos do parque -repintado do enreixado, plantación de plantas aromáticas…- e instalación de iluminación pública formada por luminarias con distribución de luz radialmente asimétrica rectangulares para LED.

Para a rehabilitación da fonte, procederase á desmontaxe dos letreiros comerciais que ten na fachada e realizarase un picado ata a completa eliminación dos antigos revestimentos. Posteriormente será revestida cun morteiro mixto de cal e cemento que sirva de base ao posterior recebo con xeso branco e pintura de exteriores. Por último, colocarase unha billa con pulsador que impida o goteo continuo que presenta a fonte na actualidade e que supón o deterioro da súa fábrica.

Este proxecto execútase ao abeiro do Plan Hurbe que, segundo destacou Balseiro, ten entre os seus obxectivos “promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais con criterios de sustentabilidade económica, medioambiental e social, e fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico”.

Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas; urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Ao abeiro deste programa a Consellería de Medio Ambiente executou tamén obras de mellora na praza do mercado municipal do Portomarín, ás que destinou un investimento de 34.000 euros.

Neste sentido, o delegado explicou que o Plan Hurbe foi posto en marcha en 2010 polo Goberno galego cunha tripla finalidade: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia.

Desde o seu inicio, a Xunta comprometeu un investimento total de 123 millóns de euros nesta iniciativa, un esforzo inversor que se materializa nun total de 157 actuacións en 114 concellos, incluídas as obras a executar no 2017, nas que se investirán preto de 10 millóns de euros no marco deste plan.

1 de marzo de 2017 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.