publicidade hoxe

Medio Ambiente e USC amplían a súa colaboración con dous proxectos sobre os efectos da vespa velutina e cultivo ecolóxico

Beatriz Mato na reunión co reitor da USC

Beatriz Mato na reunión co reitor da USC

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, salientaron esta mañá as novas colaboracións nas que ambas institucións se embarcan: unha investigación para paliar os efectos da vespa velutina sobre a biodiversidade e os usos de cultivos ecolóxicos máis axeitados para mitigar os efectos do cambio climático.

Esta nova colaboración foi adiantada esta mañá pola conselleira de Medio Ambiente nunha reunión co reitor da Universidade, na que abordaron as actuacións e proxectos que xa están en marcha, así como colaboracións a medio e longo prazo.

Estas dúas novas iniciativas, que suman un importe de 100.000 euros, comezarán a desenvolverse ao longo deste mesmo ano e representan dous importantes proxectos de I+d+i de gran calado ambiental. No primiero caso, levarase a cabo un estudo sobre o seu comportamento e hábitos, para deseñar novas ferramentas que faciliten o seu control; mentres que no segundo, analizaránse os cultivos agrícolas que axuden a reducir as emisións atmosféricas de CO2 e de NO2.

A conselleira tamén avanzou que a Universidade de Santiago sumaráse como terceiro grupos de investigación a un proxecto no que traballarán conxuntamente coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural e o Instituto de Estudos do Territorio, para a posta en marcha da Infraestrutura Verde de Galicia, para a que se destinarán 320.000 euros, coa que se pretende crear unha rede de espacios naturais e seminaturais planificados estratéxicamente para ofrecer unha ampla gama de servizos ecosistémicos. Engadiu que a colaboración desta institución académica tamén será necesaria no futuro Observatorio dos Ríos, unha iniciativa da Consellería de Medio Ambiente e que na actualidade está a redactar o borrador de decreto polo que se crea, e que terá unha composición multidisciplinar, con entidades da administración, sociedade civil e institucións do ámbito académico.

A conselleira de Medio Ambiente puxo en valor o vínculo entre ambas institucións, que se plasma nas actuacións que xa están en marcha, como Migramiño, que ten por finalidade mellorar a protección e conservación do hábitat fluvial do Miño no seu tramo internacional, ou outro estudo para a identificación, clasificación e localización de turbeiras presentes en Galicia, así como nos convenios asinados coa Universidade para que os alumnos podan realizar as súas prácticas nas dependendias da Consellería.

Así, todas estas colaboracións en marcha supoñen un orzamento de máis 3,6 millóns de euros, para levar a cabo proxectos que melloren as estartexias medio ambientais, que redunden na mellora das augas, da calidade ambiental, no coidado da paisaxe e da ordenación urbanística, materias de competencia directa do departamento que dirixe Beatriz Mato.

27 de marzo de 2017 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.