publicidade hoxe

Mato insiste en que a solución definitiva para Vigo pasa pola redacción dun novo Plan xeral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Beatriz Mato en Vigo

Beatriz Mato en Vigo

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asegurou esta mañá que a solución definitiva pasa única e exclusivamente pola redacción dun novo plan xeral de ordenación municipal. Así de firme se mostrou a conselleira esta mañá durante a súa intervención nun almorzo informativo organizado polo Círculo Financeiro de Galicia, onde indicou que “non hai atallos”, polo tanto, “é importante non perder máis tempo”. Recordou que xa pasaron 16 meses desde que o plan xeral de Vigo quedara anulado, un período no que se podería ter avanzado “moitísimo” nun novo plan xeral para o municipio, e avanzou que, na actualidade, “non temos nin un só documento no que se informe do estado actual da redacción do Plan xeral de Vigo”.

Durante o encontro a conselleira trasladou o traballo da Xunta para dar resposta e solucións a un problema importante, como é a ordenación municipal, competencia das administracións locais, é dicir, neste caso concreto do Concello de Vigo.

A conselleira manifestou que a Xunta quere ser parte da solución á situación urbanística de Vigo, polo que ofrece respostas. Recentemente, aprobou a Lei de medidas provisionais de ordenación urbanística. Unha solución legal e amparada xuridicamente para permitir que determinadas zonas da cidade poidan seguir evolucionando, polo que esta orde provisional permite o desenvolvemento económico das iniciativas dos pequenos empresarios e dos particulares.

Lembrou que previamente traballouse nunha liña que aportará unha solución a proxectos de especial interese levados a cabo polas administracións, como a ampliación da Zona Franca ou a ampliación de Ifevi. Esto foi grazas a aprobación da Lei 3/2016, de 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urgencia ou de excepcional interese.

En definitiva, desde fai 16 meses a Xunta púxose a disposición da cidade de Vigo para “ser parte da solución, e non do problema”, colaborando con quen ten a responsabilidade de dar a resposta, que é a redacción do plan xeral, “a unica solución definitiva”.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio reiterou que “este Goberno segue coa man tendida ao Concello para axudar a conseguir o obxectivo dun novo Plan xeral no exercicio das súas competencias”. “A Xunta –rematou- da respostas e busca solucións aos problemas que formula a sociedade, dentro dos marcos legais e sen mirar a color política dos seus gobernantes”.

14 de marzo de 2017 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.