publicidade hoxe

Marnotes destaca que os obradoiros priorizarán ás persoas con máis dificultades para atopar un emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Alfonso Marnotes na clausura do obradoiro Ourense Termal

Alfonso Marnotes na clausura do obradoiro Ourense Termal

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participaron hoxe na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego Ourense Termal no que se formaron 40 alumnos nas especialidades de traballos de carpintaría e moble e de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.

Marnotes puxo en valor este tipo de programas que ofrecen formación e un contrato de traballo polo que se incrementa a inserción no mercado de traballo dos seus participantes.

A través deste obradoiro, no que participaron alumnos de entre 23 a 59 anos, leváronse a cabo, entre outras actuacións, a renovación e mellora do mobiliario do paseo da ribeira, a creación dunha zona de estancia anexa ao Centro de Interpretación das Burgas, e o acondicionamento dos locais destinados a bar-cafetería, tenda e punto de información, tamén no Centro das Burgas. A Xunta apoiou esta iniciativa con preto de 180.000 euros.

Marnotes informou de que ata o 3 de abril está aberta a convocatoria de axudas para os obradoiros de emprego á que este ano a Xunta destina un total de 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que na convocatoria inicial anterior, tanto para os programas ordinarios como para os específicos para os menores de 30 anos.

O director xeral explicou que este ano se inclúen diversas novidades como é que a partir de agora se valorará a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción.

Ademais, ampliarase a duración ata os 9 meses, os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación, primaranse os proxectos relacionados coa Industria 4.0 e os sectores estratéxicos e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen como son os beneficiarios da Renda de Integración Social, as mulleres, vítimas de violencia de xénero, os parados de longa duración, os maiores de 45 anos, alumnos que carecen de títulos universitarios ou de FP de grao superior e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. O Goberno galego prevé con esta convocatoria beneficiar a 1.600 persoas.

Marnotes expuxo as vantaxes que supoñen os obradoiros de emprego como é a súa contribución a fixar poboación no rural e o fomento da colaboración institucional.

O director xeral, por último, destacou que “a formación é a chave que pode abrir oportunidades de cara ao futuro no eido laboral”, ao tempo que asegurou que “ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos cidadáns, as obras e servizos máis necesarios e as oportunidades de emprego de cada zona”.

Agradeceu, deste xeito, a colaboración e coordinación dos concellos cos obradoiros de emprego para contribuír a mellorar o emprego nas comarcas de Galicia.

Os obradoiros de emprego enmárcanse na Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral coa que se prevé impulsar a creación de 80.000 novos postos de traballo ata 2020, a conversión de 50.000 contratos en indefinidos ou acadar unha inserción trala formación dun 60%.

21 de marzo de 2017 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.