publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Marisol Díaz Mouteira clausura o obradoiro promovido pola mancomunidade ‘Terra de Celanova’ que formou en xardinería a 15 desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA MercaCartelleCelanovaGomesendeOurensePontedevaQuintela de LeiradoRamirásVerea
A-
A+
Marisol Díaz Mouteira clausura o obradoiro de xardinería en terras de Celanova

Marisol Díaz Mouteira clausura o obradoiro de xardinería en terras de Celanova

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe en Celanova na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego que promoveu a Mancomunidade Terra de Celanova e que contou cun investimento da Consellería de Economía, Emprego e Industria de máis de 130.000 euros. No acto, Díaz Mouteira puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes. Neste caso, o alumnado terá a partir de agora máis oportunidades para atopar un emprego como xardineiro.

Marisol Díaz coñeceu os labores que desenvolveu o alumnado deste programa nas especialidades de xardinería e albanelería. Na visita tamén estiveron presentes os alcaldes e representantes dos municipios que promoven este obradoiro, concretamente os dos concellos de Celanova, A Merca, Verea, Gomesende, Ramirás, Pontedeva, Cartelle e Quintela de Leirado.

A máxima representante da Xunta en Ourense salientou que “apostar pola formación e a aprendizaxe é apostar pola creación de empregos estables e de calidade”, e neste senso indicou que unha das prioridades do Goberno galego é mellorar a cualificación dos traballadores e traballadoras, ofrecéndolles unha formación vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade con validez nacional, como é o caso dos obradoiros.

A delegada territorial expuxo as vantaxes que supoñen os obradoiros de emprego como é a súa contribución a fixar poboación no rural e agradeceu, deste xeito, a colaboración e coordinación dos concellos cos obradoiros de emprego para contribuír a mellorar o emprego.

Actuacións realizadas

Durante os seis meses que durou esta iniciativa de emprego, logo da súa etapa inicial de formación, os alumnos e alumnas puxeron en práctica os coñecementos adquiridos. Así centraron os seus esforzos no mantemento de xardíns, parques e zonas verdes do barrio da Ermida e do aparcadoiro das Triguerizas, no concello de Celanova; en Verea, na parcela Lama de Muíño; executaron accións de mantemento e mellora da zona verde da Concentración de canastros, en Val do Seixo, na Corredoira, e na contorna da Casa do Concello, no municipio da Merca; en Gomesende traballaron na contorna da Casa do Concello, e na contorna das escolas de Poulo e da capitalidade; o parque dos amedos do Picouto foi o lugar escollido para que os alumnos e alumnas traballaran no concello de Ramirás; en Pontedeva centráronse no entorno da capela de San Bartolomeu, en Xinzo, e nas contornas da ludoteca, do cruceiro e da praza do lugar de Trado; o campo da feira de Cartelle foi o emprazamento que beneficiouse das actuacións do obradoiro; e, finalmente, en Quintela de Leirado as accións xiraron arredor do centro de saúde, da Casado Concello e sas piscinas municipais.

Marisol Díaz aproveitou a clausura para destacar o “compromiso claro de colaboración institucional da Xunta cos concellos para traballar na creación de postos de traballo no futuro”. Os obradoiros de emprego, aos que se destinan 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que a convocatoria pasada, teñen por obxecto mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral ou social que lles posibilite a realización dun traballo.

Ao igual que o pasado ano, inclúense obradoiros de emprego específicos para os menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil. O impulso do emprego xuvenil é unha prioridade para o Goberno galego e, por iso, a mocidade sigue sendo un colectivo prioritario para a Xunta. Primarase na vindeira convocatoria a aquelas persoas mozas que non recibiran atención anteriormente no Programa de Garantía Xuvenil.

Este ano se inclúen diversas novidades como é que a partir de agora se valorará a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción. Ademais, ampliarase a duración ata os nove meses, os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación, primaranse os proxectos relacionados coa Industria 4.0 e os sectores estratéxicos e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen como son os beneficiarios da Renda de Integración Social, as mulleres, vítimas de violencia de xénero, os parados de longa duración, os maiores de 45 anos, alumnos que carecen de títulos universitarios ou de FP de grao superior e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. O Goberno galego prevé con esta convocatoria beneficiar a 1.600 persoas.

27 de marzo de 2017 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.