publicidade hoxe

Marín acolle a mostra da Deputación “De Pontevedra a Río 2016”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarínPontevedra
A-
A+

A casa do concello de Marín acollerá desde este mércores 15 de marzo “De Pontevedra a Río 2016”, a exposición fotográfica da Deputación de Pontevedra coa que a institución provincial quere renderlles homenaxe ás e aos deportistas olímpicos e paralímpicos da provincia de Pontevedra que participaron na última edición dos Xogos. A mostra será inaugurada ás 12:30 horas pola deputada de Deportes, Chelo Besada, na casa do concello e poderase visitar neste espazo ata o vindeiro domingo 26 de marzo.

Esta é a novena vila da provincia, tras as de Tui, Cambados, Nigrán, Sanxenxo, Lalín, Silleda, As Neves e A Estrada, que acolle esta mostra itinerante que comezou no Pazo provincial o pasado mes de outubro e que seguirá percorrendo durante 2017 diversas localidades da provincia. No Concello de Marín permanecerá exposta ata o domingo 26 de marzo e poderase visitar de 8:00 a 13:00 horas, de luns a venres.

A exposición recolle o palmarés das e dos 16 deportistas olímpicos e paralímpicos da provincia de Pontevedra nuns paneis individuais nos que se poden comprobar as súas traxectorias deportivas. Os 16 de “Río 2016” son Fernando Alarza Vicente, Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabeu Avomo, Támara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Marín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.

13 de marzo de 2017 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.