publicidade hoxe

Manuel Baltar preside o Consello Político dos gobernos provinciais de Europa en Bruxelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorOurense
A-
A+
Manuel Baltar en Bruxelas

Manuel Baltar en Bruxelas

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe en Bruxelas o cumio da rede dos gobernos provinciais de Europa “Partenalia”, onde avogou por intensificar a cooperación e a innovación, “reivindicando o peso do territorio” e “facendo compatible este discurso co das persoas”. Baltar propuxo que Ourense acolla un Consello Político Extraordinario de Partenalia, ao que convidou aos seus homólogos, para analizar, entre outros temas, as oportunidades que ofrecerá para as provincias da UE o Consello Europeo de Economía Sostible.

Os presidentes dos gobernos provinciais integrados en “Partenalia” asinaron hoxe a “Declaración de Bruxelas”, un documento no que solicitan “un maior apoio ao desenvolvemento das zonas rurais, co fin de garantir un reparto territorial máis equitativo dos recursos da Unión Europea”. Os presidentes solicitan tamén maiores avances na innovación da xestión pública, para “simplificar os procesos” e “impulsar a dixitalización dos trámites administrativos”, co fin de reducir o peso da burocracia e facer máis doadas para o cidadán as súas xestións diante das administracións.

A declaración destaca tamén a necesidade de promover a cooperación territorial entre áreas urbanas e rurais, zonas costeiras e de montaña, e entre as autoridades locais, para potenciar e priorizar “os programas de investimento rexional”, tendo en conta os novos retos sociais e a cohesión territorial, con especial incidencia nos ámbitos da integración da mocidade no mercado laboral; a loita contra a exclusión; a innovación social; as políticas contra o despoboamento, e a extensión das tecnoloxías dixitais na xestión pública entre administración e cidadáns.

Como vicepresidente de Partenalia, Manuel Baltar dixo que nunha sociedade globalizada como a actual, “potenciar as singularidades dos territorios provinciais de Europa, do ámbito local, daranos unha vantaxe competitiva. Se a elo unimos unha maior proximidade coa cidadanía, facendo que os cidadáns se sintan parte das innovacións que levamos a cabo, entón todos gañaremos en participación cidadá e goberno aberto”. Neste sentido, a “Declaración de Bruxelas” inclúe dúas propostas de Manuel Baltar, que reforzan o papel de Partenalia, referidas á transparencia e medio ambiente. No primeiro caso, expresa que os gobernos locais intermedios de Europa “asumimos a transparencia e a participación cidadá como elementos definitorios da nosa xestión. Goberno aberto e interacción coa cidadanía son instrumentos clave para unha mellor política”.

E no que atinxe a medio ambiente, a Declaración recolle o texto de Baltar no que destaca “o papel protagonista que os gobernos locais intermedios de Europa deben ter nas políticas medioambientais, xerando un ecosistema que faga posible a colaboración público-privada no marco da economía sostible. As nosas administracións deben aliarse con empresarios e corporacións sen renunciar a liderar ese proceso nos nosos territorio”.

O vicepresidente de Partenalia puxo como exemplo as 200 iniciativas innovadoras que ten desenvolvido a Deputación de Ourense nestes catro anos de goberno, baseadas na transparencia, a innovación, a xestión económica, o “goberno verde” e a interacción coa cidadanía, “porque afondar no que diferenza aos nosos territorios é unha fortaleza competitiva para acadar maior desenvolvemento social e xerar máis emprego e benestar”, afirmou Manuel Baltar. Neste sentido, citou o Plan “Ourense, a provincia termal”, que ten como finalidade a recuperación e preservación dos recursos naturais, e a contribución ao desenvolvemento socioeconómico, ademais de articular os recursos, servizos e a oferta termais como produtos turísticos competitivos, innovadores e desestacionalizadores.

Innovación e transparencia

Baltar tamén se referiu ao Plan “Provincia Intelixente”, que ten como obxectivo impulsar no territorio provincial unha rede, coa tecnoloxía como aliada, que permita unha eficiencia modélica en competencias municipais, e destacou que a Deputación de Ourense será a primeira institución pública de España que implantará un sistema para avaliar a transparencia en tempo real. Este innovador método, desenvolvido por Dyntra, permitirá coñecer en cada momento o nivel de cumprimento coa transparencia e dereito ao acceso á información, dos entes obrigados por lei na provincia ourensá. Só dúas administracións públicas no mundo, a Deputación de Ourense e o Estado de Nova York, serán pioneiras neste sistema, que consolida o concepto de auditoría social e transparencia participativa.

Precisamente, as boas prácticas na gobernanza e a transparencia son dous aspectos que se destacan na “Declaración de Bruxelas” asinada hoxe, ámbitos nos que os gobernos provinciais europeos queren incidir “para avanzar en administracións máis abertas á cidadanía, con fiestras dixitais que permitan avaliar a transparencia en tempo real e facer un seguimento da xestión pública de maneira continua e permanente”.

Manuel Baltar deu conta aos seus homólogos dos gobernos locais intermedios da reunión que mantivo recentemente en Nova York con David Levine, presidente do Consello Americano de Negocio Sostible (ASBC), xuntanza que tivo como obxectivo establecer as liñas de colaboración cara a avanzar na posta en marcha do Consello Europeo de Economía Sostible (ESBC), acordando que esta entidade europea medioambiental traballará como filial da americana, aplicando a experiencia das máis de 250.000 empresas que integran á American Sustainable Business Council.

Baltar convidou ás provincias europeas integradas en Partenalia a impulsar o Consello Europeo de Economía Sostible –que terá a súa sé en Ourense- a traballar xuntas a prol dunha maior incidencia das políticas medioambientais, “que favorezan a realización de proxectos públicos, empresariais e sociais que avancen na “economía verde” e na defensa da sustentabilidade e dos valores medioambientais”, afirmou Manuel Baltar.

Neste sentido, o presidente da Deputación de Ourense propuxo aos presidentes da rede Partenalia celebrar en Ourense un Consello Político Extraordinario desta organización, ao que convidou a participar aos seus homólogos europeos, “para afondar nas estratexias de traballo en rede e coñecer as oportunidades que se abren para as provincias, empresas e cidadáns dos nosos territorios coa alianza que iniciamos coa entidade americana de economía sostible”, expresou Manuel Baltar.

A rede internacional de provincias europeas “Partenalia”, que hoxe aprobou a incorporación dun novo membro: a provincia belga de Namur, é o principal foro de representación dos gobernos locais intermedios en Europa, desenvolvendo a interlocución co Comité das Rexións e as distintas comisións europeas. Entre os seus obxectivos de futuro figuran seguir amplando a rede de networking a territorios provinciais de máis países de Europa; desenvolver novos proxectos nos ámbitos do turismo, a innovación, a economía, e o emprego; impulsar novas iniciativas no eido medioambiental; e fortalecer as accións de lobby e posicionamento de Partenalia.

29 de marzo de 2017 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.