publicidade hoxe

Lugo concentra o 50% do investimento das axudas de transformación ás que Medio Rural achega 27,4 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilalba
A-
A+
Intervención da conselleira de Medio Rural

Intervención da conselleira de Medio Rural

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou hoxe o importante peso que ten Lugo no ámbito da transformación de produtos na nosa comunidade. De feito, das 185 solicitudes recibidas este ano pola consellería para fomentar esta actividade, 48 son desta provincia, o que supón case o 26% de toda Galicia. Máis significativo aínda é o investimento previsto con estes proxectos, 63,5 millóns de euros que supón o 50% do total. O orzamento destas axudas medrou este ano un 9,6%, pasando de 25 millóns de euros a 27,4 nesta convocatoria.

Ángeles Vázquez fixo estas declaracións no foro empresarial de El Progreso celebrado en Vilalba, onde defendeu a transformación como fórmula para aumentar o valor dos produtos e incrementar así os ingresos dos que viven no rural. Esta cuestión cobra importancia no ámbito lácteo, cun importante peso nas mencionadas axudas de 30,7 millóns de euros. Outros 19,4 millóns investiranse no sector da alimentación animal, 9,5 no cárnico e 2,2 no sector do viño.

“E fundamentais para garantir unha renda agraria digna son tamén as axudas da PAC”, declarou a conselleira. Neste sentido, lembrou que no 2016 un total de 12.400 gandeiros e agricultores da provincia de Lugo percibiron máis do 48% das axudas do primeiro piar da PAC en Galicia. Preto de 101 millóns de euros dos 208 totais. No caso do segundo piar, Lugo concentra o 64,5% do total de Galicia, é dicir, 20 dos 30 millóns de euros das axudas destinadas a agricultura ecolóxica, agroambiente e clima, e zonas de montaña ou con limitacións naturais.

No que se refire á PAC 2017-2018, a Xunta publicou a orde o primeiro día establecido pola normativa, o 1 de febreiro. “Sendo Galicia a primeira comunidade autónoma en facelo”, declarou Ángeles Vázquez, quen tamén apelou ao futuro coa reforma da PAC 2020 na que se pretende que Galicia teña un papel clave polo seu peso a nivel nacional. Para a portavoz autonómica a PAC ten que velar polo establecemento dunha renda básica e facilitarlle a incorporación aos máis novos, que ao fin e o cabo, son os máis concienciados pola preservación do medio.

Diversificación

Doutra banda, Vázquez aclarou que na consecución do obxectivo de equiparar as rendas urbanas e agrarias e de fixar poboación no rural, tamén é importante a diversificación da economía. Para iso, a través dunha orde de axudas de 5,5 millóns de euros, apóiase a creación e desenvolvemento de actividades non agrícolas para a posta en marcha de empresas non agrarias.

Así, no 2016 investíronse en Galicia 3,5 millóns para a creación de 20 empresas e a mellora doutras 60 fomentando a consolidación duns 350 empregos e xerando outro centenar. “No caso de Lugo, estamos a falar de 5 novas empresas e da modernización ou ampliación doutras 7”, concretou Ángeles Vázquez, o que propiciou a aparición de 11 novos postos de traballo e a consolidación doutros 30.

Reestruturación da terra

A titular de Medio Rural referiuse tamén á situación das reestruturacións parcelarias na provincia lucense polo seu grande interese para as explotacións gandeiras. Lugo ten rematadas 149 concentracións, o que supón 92.238 hectáreas de terreo ordenado e 41.884 propietarios beneficiados. Actualmente ten 14 zonas abertas das que 12 están na fase de acordo e coa toma de posesión dada aos seus 5.685 propietarios. Supoñen outras 9.621 hectáreas. De cara ao futuro, xa se están elaborando documentos e estudos previos, así como planos cartográficos doutras 19 áreas en 11 concellos.

“Para o ano 2020 temos a pretensión de pechar os 130 procesos abertos de reestruturación en Galicia, o que beneficiaría a 92.000 propietarios e suporía ter ordenadas outras 117.000 hectáreas de terreo”, concluíu Ángeles Vázquez, que agradeceu aos organizadores a súa invitación para falar do rural.

1 de marzo de 2017 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.