publicidade hoxe

Juan Magán, protagonista da “ICC Music” da Deputación de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurense
A-
A+
Presentación do concerto de Juan Magan

Presentación do concerto de Juan Magan

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto aos coordinadores da ICC Week, Juan Rivas e Manuel Araujo, presentou esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” a “ICC Music”, que terá no concerto de Juan Magán o protagonista desta semana musical, que se desenvolverá do 2 ao 6 de maio en Ourense dentro da III edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas, a Ourense ICC Week 2017, que organiza anualmente a Deputación de Ourense.

Manuel Baltar destacou que a ICC Week é “un evento consolidado no escenario nacional da creatividade, a innovación e a industria cultural, que vai medrando ano a ano en público e organizacións participantes”, e remarcou que nesta edición a participación do produtor, músico e compositor, Juan Magán “incrementará aínda máis a capacidade de atracción que ten a ICC Week”.

O presidente do goberno provincial adiantou que a ICC Week tamén estará presente na celebración da “Shopping Night” do Centro Comercial Aberto, “coa presenza dun cantante do ámbito independente norteamericano, quen presenta en Ourense o seu último traballo”. Precisamente, a vindeira semana anunciarase o nome deste artista xunto co cartel de relatores que participarán nesta terceira edición, os cales van debater “sobre temas de vangarda e creatividade, de acordo coa filosofía deste evento, que conxuga a innovación cos referentes históricos do noso patrimonio, como son os lugares onde se van a celebrar os relatorios”, afirmou Baltar.

Juan Rivas detallou a programación musical para eses días, que comeza o 2 de maio, ás 21.00 horas, con Depedro, no Teatro Principal. Ao día seguinte día actuarán The Funkles, ás 21.00 horas (Centro Cultural “Marcos Valcárcel” ou Xardíns do Padre Feijóo, segundo as condicións meteorolóxicas), e o sábado, 6 de maio, terá lugar a ICC Show Vermú, entre as 12.00 e as 16.00 horas, coas actuacións nos Xardíns do Padre Feijóo de Bigott e Malandrómeda. Pechará o cartel de actuacións ese mesmo día, 6 de maio, ás 22.00 horas, Juan Magán, no Pazo dos Deportes “Paco Paz”.

En canto ás entradas, Manuel Araujo dixo que todos os concertos serán de balde ata completar o aforo agás as actuacións de Depedro -para o cal as entradas estarán á venda en Ataquilla e no Teatro Principal cun prezo de 10 €, a anticipada, e de 15 € o mesmo día do concerto-, e Juan Magán –15 € as primeiras 300, 18 € a anticipada, e 20 € o mesmo día do concerto-. En Internet estarán dispoñibles á venda en Ticketea, e o vindeiro luns nos “40 Principales” anunciaranse os puntos de venda físicos das entradas.

23 de marzo de 2017 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.