publicidade hoxe

Heriberto García explicaralles aos veciños de Redondela o Programa de Vivendas Baleiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+

O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, participará hoxe nun acto público con veciños de Redondela no que porá de manifesto a importancia que ten o Programa de Vivendas Baleiras para dar resposta á demanda dos máis necesitados, xa que permite poñer no mercado, a prezo reducido, vivendas propiedade de particulares, empresas ou institucións que actualmente se atopan baleiras.

O concello de Redondela xa se adheriu ao programa, xunto con outros da provincia de Pontevedra como Ponteareas, Baiona, Gondomar, A Illa de Arousa, Pontecesures, Lalín e proximamente asinaranse as adhesións de Marín, Vilagarcía e Ribadumia. Redondela xa aprobou e publicou en xaneiro as bases polas que se rexe o programa neste concello, polo que os propietarios de vivendas baleiras interesados en sumarse ao mesmo poden dirixirse ao concello.

Este programa ofrece garantías aos propietarios das vivendas a través dos seguros de impago e asistencia xurídica e o seguro multirrisco do fogar contratados pola Xunta de Galicia, que resultan gratuítos tanto para os propietarios das vivendas como para os concellos que se adhiren ao programa. Máis información sobre o Programa de Vivendas Baleiras: http://igvs.es/web/actuamos/861

García Porto tamén tratará a normativa que rexerá o programa Rehaluga, a través do cal os propietarios de vivendas incluídas no Programa de Vivendas Baleiras poderán acceder a subvencións para a rehabilitación e mantemento das mesmas. Prevese a súa publicación no DOG nos próximos meses.

Nesta xuntanza, o director abordará o Bono de Alugueiro Social, que é un programa dirixido a atender as necesidades dos colectivos máis desfavorecidos a través dunha axuda directa para o pago do alugueiro, que acada os 150, 175 o 200 euros mensuais, en función da área xeográfica na que se atope o concello. Concédese por un período de 12 meses prorrogable ata un máximo de 36. As axudas son aplicables en todos os casos recollidos na normativa, estea ou non a vivenda incluída no Programa de Vivendas Baleiras.

Ao abeiro deste programa xa se concederon 285 axudas, das que 129 corresponden á provincia de Pontevedra. Máis información sobre o Bono de Alugueiro Social: http://igvs.es/web/actuamos/841

En 2017, A Consellería de Infraestruturas e Vivenda dispón de 2,2 millóns de euros para o Bono do Alugueiro Social, o que supón un incremento do 46 por cento respecto dos fondos presupostados o ano pasado.

14 de marzo de 2017 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.