publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Galicia bateu o récord histórico de facturación nas vendas de peixe e marisco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Logo de coñecer o informe sobre a venda de produtos pesqueiros presentado hoxe pola Consellería do Mar no Consello, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a competitividade do sector pesqueiro galego, cun récord histórico de facturación nas vendas de peixe e marisco en 2016 nas lonxas galegas.

Durante a rolda de prensa, Feijóo subliñou que entre 2013 e 2016 o valor do peixe e marisco frescos de Galicia aumentou nun 19%, ata acadar no ano pasado os 491 millóns de euros. E, no mesmo mesmo período, o volume de descargas aumentou un 15%, ata as 188.000 toneladas do ano pasado, de tal xeito que o crecemento dos ingresos do sector estivo por riba do crecemento do volume descargado.

O titular do Executivo autonómico salientou que de todo o que se comercializou nas lonxas e centros de venda autorizados o pasado ano, máis do 90% era peixe. Fóra do peixe, destacou o grupo dos bivalvos, que acadaron uns ingresos de 70 millóns de euros, máis do 14% da facturación total.

Analizando os datos pola súa distribución xeográfica, Feijóo subliñou que máis da metade das descargas concéntranse na provincia da Coruña, seguida pola de Pontevedra, cun 27%, e pola provincia de Lugo, cun 21%.

Así mesmo, Pontevedra é a provincia que máis se achega á cotización, grazas aos bivalvos: Pontevedra 37% do valor total, A Coruña un 36% e Lugo un 27%.

Por lonxas, cómpre resaltar que case o 80% das vendas e o 75% da facturación se realizaron nas lonxas da Coruña, Vigo, Ribeira, Burela e Celeiro. Detrás destas, sobresaen as lonxas do Grove, Cambados, Noia e Carril, centradas no marisqueo e na frota de artes menores, principalmente.

En relación ás vendas por modalidades de pesca, o informe pon de manifesto que o cerco incrementou en máis dun 51% o volume de pesca descargada desde 2013, crecendo o valor económico das súas descargas un 15,5%. Así, o ano pasado esta modalidade alcanzou máis de 52.000 toneladas fronte as máis de 34.00 toneladas de 2013. As artes menores tamén incrementaron as súas descargas en preto dun 25% e o valor económico en preto dun 45%.

9 de marzo de 2017 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.