publicidade hoxe

Francisco Conde destaca o labor de integración social e laboral de APAMP a través do seu obradoiro de artesanía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Francisco Conde na visita ás instalacións de Apamp

Francisco Conde na visita ás instalacións de Apamp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá en Vigo as instalacións da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP), entidade que conta cun obradoiro ocupacional no que se elaboran produtos vinculados á marca Artesanía de Galicia.

Coincidindo coa celebración dos Días Europeas da Artesanía, a finais de semana, o conselleiro puxo en valor o labor realizado por esta asociación que este ano cumpre 40 anos traballando pola integración: “Estas persoas con capacidades distintas están a demostrar que poden fabricar produtos de calidade para a súa comercialización no mercado”, sinalou Conde e engadiu: “Estes obradoiros tamén permiten desenvolver un importante labor de integración social e laboral”.

Tal e como explicou Conde, APAMP sumarase ás actividades que Galicia programa con motivo da celebración dos Días Europeos da Artesanía o 31 de marzo e o 1 e 2 de abril: “Unha iniciativa que quere trasladar á sociedade, a través de diferentes obradoiros, exposicións e actividades o que significa a artesanía para Galicia desde o punto de vista do desenvolvemento económico, da inserción laboral e social”, afirmou o conselleiro quen lembrou que este sector da traballo en Galicia a 5.000 persoas.

Este ano a comunidade ofrecerá máis de 35 accións nos Días Europeos da Artesanía. Actuacións entre as que destaca, por exemplo, a que terá lugar na Coruña, Oficios en acción, unha iniciativa de carácter participativo relacionada con catro oficios artesanais, organizada pola Asociación Galega de Artesáns, en colaboración coa Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. Este ano os talleres estarán relacionados coa xoiería, a cerámica, a cestería e o téxtil da man dos obradoiros Plata Nativa, Terralume, Idoia Cuesta e Marina Seoane. Estos obradoiros celebraranse os días 1 e 2 de abril, na zona do Obelisco pero en caso de chuvia, trasladaranse á Fundación Luis Seoane.

Encontros sectoriais como o de ceramistas que se celebra a fin de semana fronte a Casa do Concello de Gondomar; os encontros de palilleiras de Cervo e Portonovo; a exposición fotográfica sobre os oficios e obradoiros de artesanía para nenos e nenas organizados na sede de Afundación en Pontevedra; a apertura de portas de centros de formación como a Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, a sede de APAMP tamén na localidade olívica ou o Castelo de Vimianzo; as rutas de obradoiros abertos aos visitantes que promove a Deputación de Lugo; ou os máis de vinte talleres das catro provincias galegas que acollen diversas actividades, conforman unha gran oferta para os amantes da artesanía e a oportunidade de achegarse ao día a día dos profesionais deste sector.

Nova orde de axudas para a artesanía

Por outra parte, e como mostra do compromiso da Consellería de Economía, Emprego e Industria co sector, hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica unha nova convocatoria de axudas dirixida aos obradoiros artesanais, os concellos galegos e as asociacións profesionais e empresariais de artesáns para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da súa competitividade.

Os interesados en participar nesta convocatoria, de concorrencia competitiva, terán un prazo dun mes, desde mañá, para presentar as súas solicitudes. A Xunta, que este ano destina 215.000 euros, aposta pola artesanía como elemento dinamizador da economía pola súa capacidade para crear emprego, riqueza e impulsar o medio rural.

Na pasada edición, a Consellería concedeu apoios por máis de 150.000 euros a 33 obradoiros profesionais, 11 concellos e á Asociación Galega de Artesáns que permitiron a súa presenza en 45 feiras nacionais e internacionais así como a organización de diversas mostras. O obxectivo desta iniciativa é impulsar accións de promoción comercial, así como a organización de eventos feirais para o fortalecemento da comercialización da artesanía galega.

27 de marzo de 2017 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.