publicidade hoxe

Feijóo destaca o impulso do polígono de Morás en Arteixo pola súa aposta por fomentar a actividade empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixoLocal Portada
A-
A+
Visita do presidente da Xunta ás instalacións

Visita do presidente da Xunta ás instalacións

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, durante unha visita ao Grupo Aluman, o impulso do polígono empresarial de Morás en Arteixo como exemplo do compromiso por fomentar a actividade empresarial; por facilitar o camiño ás empresas que se queiran instalar en Galicia e a aquelas que desexen seguir crecendo no noso territorio e, polo tanto, seguir xerando emprego e riqueza. “Imos seguir traballando polas empresas que diversifican que innovan, que exportan e que crean emprego”, asegurou.

Logo de subliñar que a Xunta investirá no parque industrial de Morás, neste 2017, catro millóns de euros nas obras da estrada da Deputación -que conformará unha das vías principais-, e no inicio das obras de urbanización dos primeiros 1.100.000 metros cadrados, Feijóo subliñou que as empresas poderán acceder a solo deste polígono con bonificacións do 30% no prezo e tamén a través dunha nova modalidade como é o dereito de superficie, un alugueiro con dereito a compra cun custo de 1 euro/m2 ao ano.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta lembrou que, para poder ofrecer solo empresarial en condición vantaxosas, o Goberno galego comezou en 2015 a aplicar bonificacións no prezo do solo empresarial dos parques autonómicos, que poden chegar ata o 50%. “Grazas a estas bonificacións levamos adxudicados case 730.000 metros cadrados de solo, un 20% máis do adxudicado nos anos 2007 e 2008, previos á recesión económica”, precisou, ao que engadiu que esta cifra leva aparellada un investimento inducido de 400 millóns de euros e a creación de 10.000 postos de traballo.

Diante destes datos, o responsable do Executivo galego aseverou que actualmente a Xunta oferta 1,8 millóns de metros cadrados de solo en réxime de compravenda con descontos de entre o 30 e o 50%, isto é, a partir de 12,5 euros o metro cadrado, ademais doutras modalidades, como a adxudicación de solo en dereito de superficie, para facilitar que as empresas que o desexen se implanten pagando nel un canon desde tan só un euro por metro cadrado.

Durante a visita, Feijóo referiuse ao Grupo Aluman como “a proba de que é posible desde Galicia, traballar en calquera lugar do mundo, exportar e competir”. Non en van, este grupo empresarial factura xa no exterior máis da metade da súa produción; dá emprego a máis de 500 persoas; aposta pola diversificación, ampliando a súa liña de negocio cara ao sector do contract e do equipamento comercial; e inviste en innovación.

28 de marzo de 2017 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.