publicidade hoxe

‘FalaRedes’ estrea na Estrada e Narón ‘Tic Tac Toc’, co músico Pablo Díaz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaCalendarioLocal PortadaNarón
A-
A+

O programa de dinamización lingüística máis coñecido do tecido municipal galego, ‘FalaRedes’ estrea esta fin de semana a segunda ‘Tic Tac Toc’ das propostas da súa sexta edición, que levarán en concerto Pablo Díaz e a súa banda, en exclusiva, a dezanove concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o recoñecido músico coruñés, acompañados de Olga Kirk, presentaron hoxe á mañá en rolda de prensa a nova actividade para dar a coñecer o calendario completo de actuacións. “Dezanove concellos da Rede acollerán en exclusiva desta volta concertos en directo do novo proxecto homónimo Tic Tac Toc de Pablo Díaz, o que supón a volta dun dos grandes referentes do público infantil e familiar ao noso programa de dinamización lingüística nunha xira que se iniciará na Estrada, este mesmo sábado, e que se pechará na capital de Galicia o 20 de maio, cun concerto moi especial”, sinalou García Gómez.

O secretario xeral destacou que “a música, con todo o seu potencial para a aprendizaxe e a transmisión afectiva das linguas, non podía faltar na actividade que FalaRedes lles dedica aos máis pequenos: un concerto para nenos e nenas de 0 a 7 anos e as súas familias, onde poderán bailar, aprender e escoitala en directo”.

Ritmos de latitudes diversas

No concerto Tic Tac Toc, Pablo Díaz -acompañado de Diego Barral (guitarras) e de Álex Fente (acordeón)- ábrese ao mundo dende a lingua galega incorporando ritmos e sentires de latitudes diversas (Brasil, Cuba, Os Estados Unidos…) sen abandonar os temas que conforman o universo próximo dos nosos nenos e nenas.

A primeira parada será este sábado na Estrada. A cita é, ás 12:30 horas, no Teatro Principal. O domingo, ás 18:00 horas, o Auditorio Municipal de Narón acollerá o segundo dos concertos. Este espectáculo musical completará a súa xira nas vindeiras semanas os concellos de Verín, Vilalba, Boqueixón, Palas de Rei, Celanova, Barbadás, Outeiro de Rei, Burela, O Grove, Ponteareas, Outes, Boiro, O Carballiño, A Cañiza, A Laracha, Betanzos e Santiago de Compostela.

‘A galiña azul’ en Monforte, Teo, Xinzo e Monterroso

A primeira das actividades deste Falaredes 2017, ‘A galiña azul’, de Ubú Teatro, prosegue a súa xira por Galicia. O espectáculo é unha adaptación do célebre libro de Carlos Casares, autor ao que este ano a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras, está pensado para público familiar con cativada entre 6 e 10 anos. A peza teatral preserva os valores que tanto defendeu o seu autor: a diversidade lingüística, a importancia das diferenzas ou a liberdade de expresión.

A primeira das paradas desta fin de semana será o venres en Monforte de Lemos (na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, ás 18:30 horas). O sábado, ‘A galiña azul’ chegará a Teo (ao Auditorio Constante Liste, ás 18:00 horas), e o domingo será a quenda da patria da infancia de Casares: Xinzo de Limia (no Salón de Actos da Casa da Cultura, ás 12:00 horas). A fin de semana alongarase ata o luns en Monterroso para gozar da peza no Espazo Cultural Lorenzo Valera, ás 18:00 horas.

Baixo xestión de Editorial Galaxia, esta actividade do ‘FalaRedes’ poderase gozar, en exclusiva, esta primavera en 21 concellos galegos. Coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

‘FalaRedes 2017’

A sexta edición do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do ‘FalaRedes’ percorrerán os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades.

Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

22 de marzo de 2017 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.