publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Efectivos da Garda Civil de Tráfico fórmanse en seguridade viaria na Agasp

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+

Efectivos da Garda Civil de Tráfico en Galicia están a formarse en materia de seguridade viaria na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Trátase dun curso específico de formación de mandos, que se desenvolve durante 8 meses, cunha xornada cada mes.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, visitou hoxe aos participantes nesta formación, que está coordinada tamén coa Garda Civil. En concreto, nesta xornadas os principais contidos versaron sobre a actuación forense en accidentes con múltiples vítimas, sobre a idade como posible factor de risco para a condución, e sobre o alcohol e as drogas desde o punto de vista da vixilancia e control.

Este curso inscríbese no convenio asinado en 2015 entre o Ministerio do Interior e a Vicepresidencia da Xunta para a colaboración en materia de formación e actualización do persoal dos corpos de seguridade do Estado destinados en Galicia. De acordo con este convenio, promóvese a colaboración e xestión eficiente dos recursos formativos existentes, cuxa coordinación realiza a Delegación do Goberno en Galicia, que ostenta o mando das forzas e corpos de seguridade na comunidade autónoma.

A formación dos axentes é competencia da Administración estatal, e é complementada pola Xunta de Galicia coa posta a disposición das instalacións da AGASP para a realización de actividades formativas, xornadas, seminarios, prácticas e demais actividades.

De feito, a AGASP publicou en febreiro no Diario Oficial de Galicia (DOG) os plans de formación específicos dirixidos a persoal da Garda Civil, Policía Nacional e autonómica.

Grazas ás actividades programadas na AGASP, o ano pasado pasaron polas aulas da Academia máis de 700 gardas civís, tanto en cursos de formación continua, como en cursos solicitados por eles mesmos, como o que se realiza hoxe na AGASP.

Neste semestre, hai programadas un total de 10 accións formativas específicas dirixidas á Garda Civil, atendendo ás súas demandas. Entre outras actividades, recibirán formación en manipulación de produtos fitosanitarios; soporte vital básico; localización, navegación e rescate de 4×4; fotografía policial; rescate en barrancos; ou inspección pesqueira.

14 de marzo de 2017 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.