publicidade hoxe

Deputación e Betanzos proporán á Xunta un convenio a tres bandas para rehabilitar o Pasatempo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBetanzos
A-
A+

A Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos proporán á Xunta a sinatura dun convenio tripartito para acometer as obras de rehabilitación do Pasatempo.

Así o acordaron esta mañá o presidente da institución provincial coruñesa, Valentín González Formoso, e o alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez, durante a reunión que esta mañá mantiveron no concello brigantino para concretar a colaboración entre institucións necesaria para levar a cabo a rehabilitación do parque enciclopédico, único no seu xénero, construído polos irmáns García Naveira entre finais do século XIX e principios do XX.

Formoso apuntou que, aínda que a lexislación vixente establece claramente que a conservación do patrimonio cultural e histórico é competencia da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña “está disposta a subministrar o seu gran de area para salvar o Pasatempo e devolverlle a dignidade a un espazo de referencia” se a Xunta compromete tamén o seu apoio económico. “É un esforzo que hai que facer”, apuntou.

Neste sentido, o presidente provincial anunciou que ambas as dúas institucións acordaron na reunión de hoxe propor á Xunta “que asinemos un convenio a tres bandas, no que Betanzos achegaría o 10% do custe das obras e Xunta e Deputación o 45%, a partes iguais, en dúas anualidades”.

O acordo incluiría tamén que sexa o Concello de Betanzos o que se encargue da redacción do proxecto técnico a partir do anteproxecto xa elaborado polo arquitecto Xan Casabella, no que se detallan as actuacións que se han realizar e que estima un investimento próximo aos 1,3 millóns de euros.

Reunión mañá coa Xunta

O alcalde de Betanzos, Ramón García, manterá mañá venres unha reunión coa directora xeral de Patrimonio da Xunta, á que lle trasladará a proposta formulada por Concello e a Deputación co obxecto de alcanzar un acordo entre institucións que permita acometer a rehabilitación do Pasatempo.

“O presidente da Deputación xa manifestou a súa vontade de apoiar o proxecto, agora a Xunta terá que estudalo e ver que posibilidades hai de levalo a cabo. Esperamos que sexan receptivos, posto que se trata dun tema importante para Betanzos”, afirmou o rexedor betanceiro, que explicou que no encontro, solicitado xa no mes de decembro, entregará á directora xeral de Patrimonio o anteproxecto redactado para a rehabilitación do Pasatempo e un avance da solicitude de Ben de Interese Cultural para o recinto.

2 de marzo de 2017 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.