publicidade hoxe

Cores Tourís coñece as instalacións do novo viveiro de empresas do polígono de Sete Pías de Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, percorreu esta mañá as instalacións do novo viveiro industrial do polígono empresarial de Sete Pías en Cambados, que contou para a súa creación cunha subvención de máis de 60.000 euros e un investimento global de 75.000 euros.

Na visita estivo acompañado do concelleiro de Economía de Cambados, Xurxo Charlín, do xefe territorial de Economía, Ignacio Rial, así como do portavoz do PP da localidade, Luis Aragunde.

Cores Tourís destacou a labor da Consellería de Economía, Emprego e Industria no apoio aos novos emprendedores, a través da colaboración cos polígonos e os concellos de cara a adecuar espazos físicos para o nacemento de novas empresas de carácter industrial. “Estes viveiros son un apoio moi importante para os novos empresarios nas súas primeiras etapas de actividade e contribúen ao éxito final do seu proxecto, xa que permiten a súa implantación e consolidación”.

O delegado territorial engadiu o interese da Xunta de Galicia en habilitar este novo espazo en Sete Pías á disposición dos emprendedores do sector industrial a prezos moi vantaxosos e por un prazo de ata 24 meses. “Facilítanse así as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas, que disporán ao mesmo tempo de asesoramento especializado”, engadiu o delegado territorial, quen explicou tamén que o ano pasado destináronse en total a esta orde de axudas un millón de euros para toda Galicia.

Poden acollerse a este viveiro de empresas aquelas que se dediquen a unha actividade empresarial de carácter industrial que aínda non estando constituídas prevexan facelo no prazo máximo de tres meses dende o seu acollemento no viveiro, ou empresas constituídas hai menos de seis meses dende a data de solicitude de acollemento.

No polígono de Sete Pías adaptouse e condicionouse unha nave xa existente propiedade do Concello cunha superficie de 1.646 metros cadrados, dos cales dedicáronse 1.534 a implantación de novas empresas e 112 a servizos comúns.

Finalmente, José Manuel Cores Tourís, aproveitou a visita para animar a outros concellos a sumarse a creación destes espazos físicos e recordou que a administración autonómica volveu a abrir a mesma liña liña de subvencións para a posta en marcha de viveiros industrias de empresas en parques empresariais o pasado 20 de febreiro. A intensidade das axudas será dun 80% do importe total ata un máximo de 240.000 euros por solicitude.

2 de marzo de 2017 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.