publicidade hoxe

Consellería de Medio Ambiente e Cámara de Comercio da Coruña coinciden na necesidade de poñer en marcha iniciativas que reduzan a xeración de residuos urbanos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co presidente da Cámara de Comercio da Coruña. Foto: M. Fuentes

Beatriz Mato na reunión co presidente da Cámara de Comercio da Coruña. Foto: M. Fuentes

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, coincidiron esta mañá na necesidade de poñer en marcha iniciativas que reduzan a xeración de residuos urbanos. Na reunión avaliaron a posibilidade de desenvolver proxectos baseados no criterio multierre (repensar, redeseñar, reparar, redistribuír, refabricar…), co fin de dar unha nova oportunidade aos refugallos e minorar o uso de novas materias primas e, consecuentemente, a produción de novos residuos.

Ambos representantes valoraron positivamente a celebración de xornadas formativas e informativas, para o tecido empresarias e comercial da cidade, a implantación de melloras técnicas dispoñibles en xestión de residuos ou campañas para a sensibilización e redución do uso de bolsas comerciais dun só uso, para concienciar aos consumidores da necesidade de evitar a xeración de residuos.

Durante a reunión o presidente da Cámara mostrou interese pola recente iniciativa que asume Galicia no grupo de traballo sobre economía circular e fondos europeos, que Galicia coordinará xunto con Cataluña. A conselleira explicoulle que se trata dun foro de intecambio, creado no marco da Rede de Autoridades Ambientais do Ministerio de Agricultura, Produción Agraria e Medio Ambiente, e convidou a Couceiro a trasladar as achegas dos membros da Cámara de Comercio á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, co fin de integralas nas iniciativas e proxectos que Galicia presente neste grupo de traballo.

Beatriz Mato recordou que a economía circular está xa na axenda ambiental e económica da Unión Europea, polo que Galicia non debe quedarse atrás neste eido e debe apostar por iniciativas que impulsen este modelo, fronte ao lineal baseado en recoller, fabricar e tirar. Engadiu que, ademais de ser un modelo con potencial para resolver os problemas ambientais, representa un instrumento para crear novas oportunidades de negocio e emprego verde.

13 de marzo de 2017 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.