Comezan as obras para habilitar o cemiterio municipal de Ames
As obras para reparar e acondicionar o cemiterio municipal de Ames, que financia a Deputación da Coruña, veñen de comezar nas instalacións situadas na parroquia de Ortoño. A institución provincial achega, a través do Plan de Aforro e Investimento (PAI), un total de 252.041,95 euros para levar a cabo estes traballos, adxudicados á empresa Copcisa e que deixarán o camposanto listo para o seu uso nun prazo estimado de tres meses.
As obras consistirán na habilitación dun total de 1.030 nichos e de 290 columbarios para furnas ou vasillas, nos que se aplicarán diferentes tratamentos para reparar os frontes e reconstruír os elementos deteriorados. Os traballos incluirán o saneamento e a posta a punto de todas as cubertas, e a limpeza ou substitución dos alicatados, así coma das carpinterías e das pinturas interiores.
Os fondos provinciais tamén permitirán ao Concello de Ames remodelar a sala antigamente dedicada a oratorio, que se dividirá para albergar salas de dolos, exposición e máquinas. Estas áreas contarán con novos sistemas de calefacción por bomba de calor, e outro de frío no caso da zona de exposición.
Asemade, adecuaranse varios inmobles para tanatopraxia, aseos accesibles e tres almacéns, que albergarán os cadros eléctricos, un forno incinerador e un osario.
A mellora das dotacións inclúe a habilitación de 83 prazas de estacionamento para turismos, seis delas para persoas con mobilidade reducida, e tres aparcamentos para autobuses.
Tamén se facilitará o tránsito a pé coa reparación das beirarrúas e as xuntas de formigonado da explanada. Así mesmo, acondicionarase o pavimento exterior e aplicarase un tratamento superficial con tres mans de pintura acrílica para superficies deportivas, e renovarase toda a rede de pluviais, que polo paso do tempo e a ausencia de mantemento acumula depósitos no interior das canalizacións.
A posta a punto do cemiterio completarase coa instalación de alumeado de alta eficiencia enerxética, a colocación dun rótulo exterior sobre o muro de mampostería e a dotación de bancos, fontes e papeleiras para humanizar o espazo.