publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Carmela Silva presenta a aposta da Deputación para a promoción de Cambados como Cidade Europea do Viño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou hoxe o protocolo co Concello de Cambados no que se inclúen as actividades que a institución provincial vai desenvolver na vila con motivo da celebración da “Cidade Europea do Viño”. A Presidenta cifrou en preto de 70.000 euros a aportación económica da Deputación a todos estes actos e volveu a reclamar a implicación da Xunta de Galicia e do Ministerio de Medio Ambiente e Agricultura na celebración.

Silva firmou coa alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, o protocolo polo que se recollen unha serie de actuacións ao longo de todo o ano na vila arousana vinculadas ao deporte, culturais, turísticas e de igualdade, nun acto no que estiveron presentes o deputado provincial de Turismo, Santos Héctor, o tenente de alcalde, Víctor Caamaño e o concelleiro, José Ramón Abal.

En materia de Igualdade as actividades estarán organizadas pola Escola María Vinyals, no Castelo de Soutomaior, onde terá lugar unha xornada de conferencias e actividades na que se lle dará difusión ao papel da muller no sector vitivinícola. En concreto se celebrará unha mesa técnica na que se abordará con perspectiva de xénero o papel da muller no proceso produtivo do viño; haberá outra mesa redonda con produtoras e representantes das 4 denominacións de orixe galegas (Rías Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras e Ribeiro), e tamén unha visita a unha adega da zona ademais dun acto no que participarán sumillers, mulleres enólogas e xestoras de adegas.

O protocolo tamén recolle a elección de Cambados como o escenario da final de fútbol feminino da Copa Deputación de Pontevedra que se xogará no mes de maio e entregarase o trofeo “Cambados Cidade Europea do Viño pola Igualdade”.

A Presidenta tamén subliñou a celebración dun novo festival de música no mes de setembro, que xunto os sete Festivais das Rías Baixas, aportará a vertente máis lúdica e festiva á “Capital Europea do Viño”. Baixo o epígrafe de “Sete máis un” este novo festival servirá como peche da temporada de festivais do verán e vai ser unha acción puntual e específica para celebrar esta distinción.

As “Depo andainas” e “En ruta coa Depo”, dous programas do servizo de Cohesión Social, terán tamén a Cambados como cidade obxectivo. A primeira planificará un percorrido entre viñedos para persoas con mobilidade reducida e na segunda as persoas que participen nesta ruta poderán coñecer o Museo Etnográfico e do Viño, as ruínas de Santa Mariña Dozo, o conxunto histórico de Cambados, poderán visitar a adega Pazo de Fefiñáns cunha degustación e tamén coñecerán o Museo do Muíño de Mareas da Seca.

Ademais, o Paseo Marítimo de Cambados acollerá unha exposición dos traballos realizados pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, que comezará o Día das Letras Galegas, e estará dispoñible durante un mes. Carmela Silva tamén destacou a celebración dentro do proxecto “SmartPeme”, dun evento TIC no ExpoSalnés, onde está localizada a oficina SmartPeme de Cambados, sobre a produción do Albariño. Tratarase de dúas mesas redondas, unha sobre xestión dos viñedos e bodegas mediante o uso das novas tecnoloxías, e outra sobre as vías de comercialización do viño a través de Internet.

Por último, no Auditorio da Xuventude desenvolverase o “Foro Voz: Muller e Viño” no que se analizará o mundo do viño dende a perspectiva da muller.

22 de marzo de 2017 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.