publicidade hoxe

Carmela Silva inaugura a exposición “recuperando o pasado” no pazo de Liñares de Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínPontevedra
A-
A+

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo Deputado delegado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez e polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, entre outras autoridades políticas, inaugurou hoxe a exposición “Recuperando o pasado”, unha mostra dos traballos que ten realizado o persoal do Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico (CXCA), situado no Pazo de Liñares, nos xacementos arqueolóxicos da provincia. “Recuperando o pasado” pon en valor os traballos do centro nos eidos da investigación e divulgación dos achados nas escavacións dos castros da provincia. Esta mostra permanente poderase visitar en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas de luns a domingo.

Carmela Silva amosou “a miña satisfacción porque deste xeito a comarca de Deza vaise converter nun dos puntos máis relevantes da posta en valor de todo o que ten que ver co coñecemento arqueolóxico” a nivel internacional, “grazas ao CXCA e tamén ao Centro Virtual do Coñecemento Castrexo que inauguramos hai non moito tempo no concello de Lalín”.

A Presidenta provincial asegurou que “a arqueoloxía da nosa provincia é dunha riqueza extraordinaria e séguenos a sorprender. Cada vez que se traballa nun dos nosos xacementos arqueolóxicos temos boas novas que nos permiten seguir avanzando no coñecemento do que fomos no pasado, da grande actividade social, humana, política, económica e comercial que se desenvolvía na nosa terra” e que nos permite “saber que os nosos devanceiros e devanceiras eran xente moi avanzada, para rachar así coa idea de que era ao contrario”. Carmela Silva sinalou que “as civilizacións que aquí desenvolveron a súa actividade pódense comparar con calquera do Mediterráneo, e iso nos permite ter un sentimento de orgullo e de pertenza para conformar un pobo que se sinte orgulloso de si mesmo”.

“Recuperando o pasado” é unha exposición permanente no Pazo de Liñares conformada por “unha sala e unha zona de proxeccións onde as nosas e nosos visitantes poderán coñecer como son os nosos xacementos e ter unha visión de como se atopan trala intervención ao abeiro do convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento”, afirmou Carmela Silva. A Presidenta da institución provincial sinalou que “na actualidade estamos no proceso de consolidación e desenvolvemento da musealización, sinalización e posta en valor dos xacementos”. En “Recuperando o pasado” expóñense diversas pezas de cerámica, moedas, colares, fíbulas, vidros e tamén ósos achados en diversos castros da provincia de Pontevedra como o da Lanzada, Castro Alobre ou Monte do Castro. Ao ter carácter permanente, as pezas (unha escolma das máis de 200.000 pezas atopadas nas escavacións) irán renovándose a medida que sexan trasladadas ao Museo de Pontevedra.

Ademais, Carmela Silva tamén avanzou que “os e as visitantes ao Pazo poderán vir coñecer como traballa o persoal arqueólogo neste centro e ver in situ o traballo que se realiza nel, que chama moito á atención porque é realmente interesante”. Estas visitas (que comezarán a vindeira semana cos nenos e nenas dun centro escolar de Lalín) deberán ser solicitadas previamente, chamando ao teléfono de Turismo Rías Baixas (886 211 700), para non interferir no traballo do persoal e realizaranse de luns a venres “aínda que xa estamos a traballar na posible fórmula de estendelo ás fines de semana”, avanzou a Presidenta. As persoas visitantes obterán unha visualización do traballo de limpeza, catalogación e tratamentos aos que se someten as pezas das escavacións para a súa conservación.

Carmela Silva recoñeceu “o traballo desenvolvido polo anterior goberno provincial para pór en marcha este proxecto” e sinalou que “agora temos o traballo de conseguir que Lalín se converta nese referente, para o que fan falta moita promoción e toma de decisións”. O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, amosou estar seguro de que “este centro vai acadar milleiros de visitantes” e felicitou “ao persoal técnico da Deputación de Pontevedra polo enorme traballo que está a desenvolver en Lalín”.

23 de marzo de 2017 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.