publicidade hoxe

Carmela Silva avoga por “rachar dende a educación cun mundo no que ás mulleres nos roubaron a historia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola Deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e a comisaria da exposición, Josefina F. Ling, inaugurou hoxe no salón de plenos do Pazo provincial unha escolma dos traballos da mostra “Con A de Astrónomas”. A través desta iniciativa do grupo “Ella es una astrónoma”, formado por profesionais da astronomía, a filosofía, a historia e o ensino e na que participa a institución provincial, o público poderase mergullar nos principais fitos da astronomía e coñecer as milleiras de mulleres que investigaron neste eido dende a antigüidade ata os nosos días.

Á inauguración tamén asistiron arredor de 160 rapaces e rapazas dos institutos pontevedreses A Xunqueira II e Luís Seoane, que puideron atender a unha conferencia impartida pola comisaria Josefina F. Ling e asistir a unha visita guiada polos paneis que conforman “Con A de Astrónomas”. A escolma poderase visitar na entrada do Pazo provincial ata o vindeiro sábado 15 de abril en horario de 8:00 a 20:00 horas.

Carmela Silva sinalou que “a exposición pretende darlles visibilidade a todas esas mulleres que ao longo da historia, dende hai séculos, estudaron astronomía, que fixeron grandes aportacións á sociedade pero son descoñecidas: ninguén coñece os seus nomes, os seus rostros nin o que nos achegaron”. A Presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que “non se trata só de que esas mulleres sexan invisibles, senón que ademais moitas das mulleres que aparecen nos libros de texto, as poucas veces que aparecen, están ligadas aos seus matrimonios, como o caso de Marie Curie”. Por iso, dixo Carmela Silva, “hai que rachar con esta visión machista, e facelo dende a educación, para racharmos cun mundo no que ás mulleres nos furtaron o noso lugar na historia e cun sistema que aínda hoxe en día nos invisibiliza”. “A educación é o único instrumento que existe de verdade para cambiar o mundo”, sinalou a Presidenta, polo que agradeceu ao profesorado dos centros educativos asistentes “o seu compromiso por educar co obxectivo de que vivamos nun mundo onde as mulleres poidamos decidir con liberdade”.

Deste xeito, asegurou Carmela Silva, “pónselles á súa disposición a información real sobre un mundo onde tanto moitos homes como moitas mulleres fixeron grandes aportacións” e, asegurou, “un dos obxectivos desta mostra é que moitos de vós queirades ser astrónomos pero, sobre todo, que moitas de vós queirades ser astrónomas xa que necesitamos a moitas rapazas no mundo da ciencia investigando, coñecendo a aportando á sociedade”. Pola súa banda, a Deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, asegurou que “as mulleres recollidas na exposición son unha mostra de que cando as mulleres nolo propoñemos podemos chegar a calquera lugar, dá igual os anos luz aos que se atopen”.

A mostra está composta por unha serie de paneis nos que se recollen a evolución da astronomía e a importancia das mulleres no seu desenvolvemento. Céntranse no Sol, nos distintos planetas que conforman o Sistema Solar, as esferas de gas, a morte das estrelas, a idade do Universo, as galaxias, os instrumentos astronómicos, as estacións internacionais que se atopan fóra da atmosfera, nas estrelas e na igualdade no campo astronómico, poñendo en valor ás mulleres que traballaron e están a traballar actualmente neste eido e enxalzando ás investigadoras que son punta de lanza na vangarda desta ciencia. Neste senso, “Con A de Astrónomas” lembra a profesionais como Aglaonike, que predicía eclipses de Lúa na Grecia clásica, ou a Caroline Herschel, que descubriu varios cometas e estudou estrelas binarias no século XVIII.

Na Casa das Artes de Vigo, á marxe dos citados paneis, “Con A de Astrónomas” tamén inclúe módulos interactivos nos que se poderá xogar a un trivial con pantalla táctil e xogos de preguntas e respostas ademais de vídeos da película “Ágora” de Alejandro Amenábar ou o Observatorio de Harvard nos Estados Unidos (onde traballaron algunhas das máis prestixiosas astrónomas da historia), entre outros contidos. Os horarios de visita neste espazo son de luns a venres de 18:00 a 21:00 da tarde, os sábados de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas e, tamén, os domingos e festivos entre as 12:00 e as 14:00 horas.

27 de marzo de 2017 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.