publicidade hoxe

Beatriz Mato invita os empresarios do polígono de Pocomaco a avanzar na implantación da economía circular mediante o criterio ‘multierre’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou o compromiso dos empresarios coruñeses coas iniciativas inspiradas no modelo multierre -repensar, redeseñar, reparar, redistribuír, refabricar-, que supón un paso máis cara a implantación dunha economía circular baseada en converter os residuos en recursos.

En concreto, os empresarios do Polígono Pocomaco da Coruña apostan por un sistema de xestión e reciclaxe de residuos urbanos e orgánicos, así como papel, cartón, plástico, madeira e vidro que a titular do departamento autonómico valorou como unha oportunidade para avanzar na instauración en Galicia dun sistema económico circular alternativo ao modelo de produción e consumo lineal actual.

Así, durante unha reunión que Beatriz Mato mantivo co presidente da Asociación de Empresario de Pocomaco, Rocardo Tormo Massignani, na que intercambiaron impresións sobre posibles vías de colaboración, co obxectivo de impulsar accións que profunden nunha xestión de residuos moderna, eficiente e en consonancia coas políticas europeas. Entre elas, manter as xornadas formativas e informativas, a implantación de melloras técnicas dispoñibles en xestión de residuos e campañas para a sensibilización e redución do uso de bolsas comerciais dun só uso.

Por iso, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio insistiu na aposta decidida pola implantación da economía circular como ferramenta para crear novas oportunidades de negocio e emprego verde, unha das súas grandes vantaxes, xunto co potencial para resolver os retos ambientais.

Galicia coordinadora dun grupo de traballo

Por último, Mato Otero lembrou que Galicia vén de ser nomeada coordinadora, xunto con Cataluña e Valencia, dun grupo de traballo de Economía Circular e fondos europeos, creado no marco da Rede de Autoridades Ambientais do Ministerio de Agricultura, Produción Agraria e Medio Ambiente.

A responsable de Medio Ambiente invitou aos empresarios de Pocomaco a trasladar as súas inquedanzas e iniciativas en relación con esta materia, para presentalas neste grupo de traballo que acordará as posibles vías de financiamento de proxectos ou a instrumentación da economía circular con fondos da Unión Europea e tamén revisará as propostas lexislativas sobre residuos, aumento da reciclaxe e redución de verteduras e mellora da xestión dos residuos.

Tal e como manifestou a conselleira, a Comisión Europea colocou a economía circular na axenda ambiental e económica, a través do Plan de acción da Unión Europea para a Economía Circular; polo que Galicia debe ser parte activa neste eido e propor iniciativas que aposten por este modelo para a xestión dos residuos. En España, a Rede de Autoridades Ambientais é o foro de cooperación e coordinación entre as autoridades responsables en medio ambiente e as responsables de programación e de xestión dos fondos comunitarios, nos diferentes niveis administrativos.

Mato Otero indicou que fronte ao modelo lineal de recoller, fabricar e tirar, a Xunta está concienciada en impulsar a economía circular; unha alternativa na que o valor dos produtos e materiais mantense durante o maior tempo posible; os residuos e o uso dos recursos redúcese ao mínimo. Ao mesmo tempo, potenciase que os recursos se conserven dentro da economía e cando o produto chega ao final da súa vida útil, co fin de volvelos a utilizar repetidamente e seguir creando valor.

Así, os produtos alongan a súa vida útil no mercado, mediante o ecodeseño, a reparación, reutilización e finalmente a correcta xestión como un subproduto útil. O uso dos residuos como materias primas secundarias permite un uso menos intensivo dos recursos naturais e evita o seu depósito en vertedoiro.

6 de marzo de 2017 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.