publicidade hoxe

As obras da mellora da praza e a rúa Requeixo en Vilaza rematarán en abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonterrei
A-
A+
Beatriz Mato na visita ás obras en Monterrei

Beatriz Mato na visita ás obras en Monterrei

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio rematará no mes de abril as obras de mellora da praza e a rúa Requeixo en Vilaza, no Concello de Monterrei. Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a visita aos traballos, aos que se destinaron case 150.000 euros.

Mato Otero recordou que esta actuación execútase en base a un convenio de colaboración asinado pola Xunta e o Concello de Monterrei, e enmarcado no Plan hUrbe, co que se pretende humanizar, mellorar e recuperar as vilas galegas.

No caso de Monterrei, o obxectivo xeral da actuación era adecuar esta rúa e a praza para o paso de peóns, minimizando o risco que supón o tráfico que soporta. Ao longo destes meses acometéronse traballos para a instalación de beirarrúas en ambas marxes da rúa Albarellos e executarase unha pequena rotonda para a ordenación do tráfico na intersección. Tamén se procedeu á instalación de nova tubaxe para as rede de saneamento e abastecemento.

Recordou que as actuacións comezaron na rúa Requeixo á altura da intersección coa rúa Igrexa, e levaranse a cabo na marxe dereita da mesma ata a intersección coa rúa Albarellos. Neste punto acometéronse as beirarrúas en ambas marxes, ata o comezo do muro de peche do Mosteiro dos Templarios (15 metros por cada marxe). Tamén se continuaron as as beirarrúas na marxe dereita da estrada OU-1014, que a partires da intersección (en sentido suroeste – nordeste) pasa a denominarse rúa Touza.

En definitiva, esta actuación contribúe á rexeneración dun espazo público de Monterrei e mellora a calidade de vida dos veciños, ao tempo que se da resposta a un cuádruplo obxectivo: mellorar a estética, garantir a seguridade peonil, coordinar o tráfico rodado e mellorar o saneamento.

Plan hurbe

A conselleira de Medio Ambiente recordou que o Plan hUrbe constitúe unha aposta decidida pola humanización das vilas galegas, mellorando os contornos urbanos, contribuíndo ao benestar dos veciños e incrementando a habitabilidade, a comodidade e a sensación de comunidade. Desde 2010, ano no que se puxo en marcha, o Goberno galego ten financiado e executado 157 actuacións en 114 concellos, cun orzamento de 123 millóns de euros. Mato Otero recordou que só na provincia de Ourense no período 2010-2017 supera os 10 millóns de euros, que permitiron a posta en marcha de 64 actuacións en 35 concellos da provincia.

Para o actual exercicio manterase este esforzo inversor con case 10 millóns de euros no marco deste plan, dos cales para a provincia de Ourense se reservan máis de tres millóns de euros, para o financiamento de 16 actuacións en 16 concellos.

15 de marzo de 2017 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.